Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

HABERÁ FUNCIÓNS OS DÍAS 1 E 2 DE DECEMBRO EN MONTEVIDEO E BOS AIRES

O centro Dramático Galego cruza o Atlántico por primeira vez para representar en Uruguai e Arxentina 'O charco de Ulises'

[18/11/2021] O Centro Dramático Galego cruzará por primeira vez o Atlántico para representar a produción 'O charco de Ulises', dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, en Arxentina e Uruguai. Deste xeito, a unidade teatral da Xunta, apoiada pola Secretaría Xeral da Emigración, levará esta adaptación da Odisea de Homero ao contexto da emigración galega a Montevideo e Bos Aires, os días 1 e 2 de decembro.

O charco de Ulises

Nas funcións, que terán lugar o día 1 no auditorio Nelly Goitiño-Sala Héctor Tosar de Montevideo ás 18,00 e 21,00 horas, e o día 2 no Teatro Astral de Bos Aires ás 20,00 horas, o equipo da montaxe estará acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o director da unidade teatral da Xunta, Fran Núñez. A iniciativa enmárcase na xira que está realizar o Centro Dramático Galego coa produción por 20 escenarios de Galicia e do norte de Portugal desde o 5 de novembro ata o 12 de decembro.

'O charco de Ulises' estreárase o 14 de xaneiro no Salón Teatro de Santiago, onde tiña previsto permanecer durante catro semanas de representacións, que tiveron que ser suspendidas no seu tramo final por mor da pandemia. Naquel momento, froito tamén da colaboración entre o CDG e a Secretaría Xeral da Emigración, ofreceuse unha función en liña deste espectáculo que foi seguida a través de 800 dispositivos conectados desde 18 países de catro continentes.

Homero no contexto da migración galega
'O charco de Ulises' sitúa o clásico de Homero nun contexto transatlántico. A trama do texto, escrito por Cortegoso en 2010 dentro do programa Iberescena e nos talleres de dramaturxia do CDG, discorre en paralelo á Odisea, xerando un diálogo co mito orixinal para tratar o fenómeno da emigración galega cun marcado compoñente poético. Así, a proposta muda Ítaca por Galicia, Troia por Bos Aires e o Mediterráneo polo Atlántico.

Fran Paredes e Inés Salvado encarnan os papeis de Ulises e Penélope, encabezando un elenco que completan Óscar Allo, Miguel Borines, Mónica Camaño, Rosalía Castro, Raquel Espada, Manuel Millán, Chusa Pérez de Vallejo e Paulo Serantes, ademais do músico Xosé Lois Romero.

No equipo artístico figuran Pablo Giráldez O Pastor no deseño da escenografía, Saturna no de vestiario, Salvador del Río na iluminación, Xosé Lois Romero no espazo sonoro, Ezequiel Merlo na Coreografía Tango, María Costas no traballo de voz, Baia Fernández na caracterización, Carmela Bueno na asistencia de dirección e Xandre Vázquez na de produción e Keka Losada na de produción en xira.