Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

NA MESMA XORNADA ESTRÉASE NA SALA ÁRTIKA 'CARIÑO', EN COPRODUCIÓN CON VAIEMBORA

A produción do Centro Dramático Galego 'O charco de Ulises' chega o venres ao Auditorio Municipal de Vigo

[17/11/2021] A produción do Centro Dramático Galego (CDG) 'O charco de Ulises', dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, estará o venres 19 no Auditorio Municipal de Vigo. Haberá unha única representación ás 20,00 h., para a que xa se poden adquirir as entradas en www.giglon.com. Na mesma xornada, a unidade teatral da Xunta e o colectivo de investigación e creación escénica Vaiembora estrean tamén en Vigo a coprodución 'Cariño'. Desta peza haberá tres funcións ao longo da fin de semana na sala Ártika, todas ás 20,00 h., con entradas xa á venda en www.vaiembora.com.

O charco de Ulises

'O charco de Ulises' chega á cidade na metade da xira que está a percorrer 20 escenarios de Galicia e do norte de Portugal ata o 12 de decembro. Despois de visitar Vigo, a compañía desprazarase a Pontevedra, cunha función no Pazo da Cultura o sábado 20.

A montaxe sitúa o clásico de Homero nun contexto transatlántico. A trama do texto, escrito por Santiago Cortegoso en 2010 dentro do programa Iberescena e nos talleres de dramaturxia do CDG, discorre en paralelo á Odisea, xerando un diálogo co mito orixinal para tratar o fenómeno da emigración galega cun marcado compoñente poético. Así, a proposta muda Ítaca por Galicia, Troia por Bos Aires e o Mediterráneo polo Atlántico.

Elenco de 11 intérpretes
Fran Paredes e Inés Salvado encarnan os papeis de Ulises e Penélope, encabezando un elenco que completan Óscar Allo, Miguel Borines, Mónica Camaño, Rosalía Castro, Raquel Espada, Manuel Millán, Chusa Pérez de Vallejo e Paulo Serantes, ademais do músico Xosé Lois Romero.

No equipo artístico figuran Pablo Giráldez ‘O Pastor’ no deseño da escenografía, Saturna no de vestiario, Salvador del Río na iluminación, Xosé Lois Romero no espazo sonoro, Ezequiel Merlo na Coreografía Tango, María Costas no traballo de voz, Baia Fernández na caracterización, Carmela Bueno na asistencia de dirección e Xandre Vázquez na de produción e Keka Losada na de produción en xira.

'O charco de Ulises' estreárase o 14 de xaneiro no Salón Teatro de Santiago, onde tiña previsto permanecer durante catro semanas de representacións, que tiveron que ser suspendidas no seu tramo final por mor da pandemia. A súa posta en escena inauguraba, ademais, unha nova etapa na compañía pública, que pospoñía a distribución dos espectáculos de produción propia para reforzar o papel do CDG como motor escénico galego a partir da crise sanitaria.

Estrea de Cariño
Por outra banda, a sala Ártika acolle tamén o venres a estrea da peza 'Cariño', coproducida polo CDG e Vaiembora. Haberá tamén funcións no mesmo espazo o sábado e o domingo, todas ás 20,00 h.

Con dramaturxia e dirección de Diego Chamizo, e interpretada por Grial Montes, a montaxe baséase no texto orixinal de Montse Fajardo. Carmen Casal e María Torres están á fronte da escenografía, Violeta Martínez da iluminación e David Vila do vestiario e deseño gráfico. Completan o equipo artístico Sofía Rodal, responsable de coreografía e asistencia de interpretación, e Alberte Bello, de caracterización e asistencia de vestiario.

'Cariño' realiza unha viaxe para cuestionar os referentes actuais do amor romántico, os celos e a posesión dentro dunha parella adolescente. Trátase dunha posta en valor daqueles sentimentos que marcan a vida e aos que ninguén lles presta atención porque "son cousas da rapazada". A protagonista, Sara, deixa o sentimentalismo aparte para facer autocrítica e análise da relación que a levou cara ao fondo do precipicio e do que conseguir volver grazas á axuda psicolóxica e os auto-coidados.

A coprodución enmárcase na aposta da unidade teatral da Xunta de reforzar a colaboración cos distintos axentes do sector teatral de Galicia e pola descentralización da súa programación. Trátase así de promover e dinamizar a actividade escénica e a creación de público en todo o territorio galego.