Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A MONTAXE ESTARÁ DIRIXIDA POR XOSÉ LEIS, CON BERNARDINO MARTÍNEZ COMO AXUDANTE DE DIRECCIÓN

A compañía aAntena coproducirá co Centro Dramático Galego o espectáculo baseado no texto gañador da Bolsa de Dramaturxia e Creación

[14/11/2021] A compañía de teatro aAntena resultou adxudicataria da segunda fase da Bolsa de Dramaturxia e Creación impulsada pola Xunta, polo que coproducirá co Centro Dramático Galego un espectáculo a partir do texto 'Relato para un incendio', de Ernesto Is, elixido na primeira fase da iniciativa. Os beneficiarios recibirán unha achega de 12.000 euros para a posta en escena da montaxe no prazo de 12 meses a partir da sinatura do contrato. Deste xeito, complétase o obxectivo da bolsa de garantir o acompañamento integral dunha peza, desde a escrita ata a produción e distribución.

Recreación Relato para un incendio

Os creadores de aAntena, Xosé Leis e Bernardino Martínez, serán o director e axudante de dirección do espectáculo, no que contan como elenco con Manu Fernández, Victoria Pérez e Isabel Risco. Pola súa banda, o equipo artístico compóñeno José Manuel Faro ‘Coti’ e Montse Pinheiro á fronte do espazo escénico, Mar Fraga do vestiario, e Xabier Romero do espazo sonoro. Estarán tamén Alicia Baña, Nelson Corsino e Dani Viqueira, como responsables da imaxe.

O proxecto gañador propón unha posta en escena baseada no traballo actoral e en solucións creativas, centrándose no sinxelo e na relación profunda entre intérprete e público. Outros dos seus elementos son a metateatralidade, co elenco transformando a súa caracterización e falando directamente coa audiencia a prol do achegamento emocional, e o uso do audiovisual para artellar xogos escénicos.

Posta en valor dos patrimonios cultural e natural
Nun espazo escénico inspirado polo lume, a interpretación centrarase na busca da verdade e o enfoque, na valoración e estimación da figura feminina. Segundo sinala a compañía na proposta presentada, os obxectivos son a posta en valor do patrimonio cultural e natural, así como a xeración de debate sobre a conservación do monte, entre outros.

A dramaturxia de Ernesto Is pon en conexión dous acontecementos que tiveron lugar na comarca coruñesa de Ordes en momentos moi diferentes. Por unha banda, os estudos etnográficos dun antropólogo danés na década dos 60 e, por outra, a ruta incendiaria dunha veciña da zona en 2016. Co obxectivo de investigar a loucura como factor alterante nas persoas, influíndo no comportamento ata rachar coa realidade e poñer en perigo vidas, o autor integrará ambos feitos nos mecanismos de ficción teatral. Para isto utiliza persoas, imaxes, relatos e situacións auténticas para artellar unha dramaturxia cos preceptos do denominado Teatro Verbatim, que mestura artes escénicas con documentos e testemuños reais.

Apoio a toda a cadea de valor teatral
A bolsa de dramaturxia e creación lanzouse o 27 de marzo, Día Mundial do Teatro, en colaboración con diversos colectivos do sector teatral e cultural galego. Co obxectivo de apoiar toda a cadea de valor dun espectáculo teatral, unha vez executada a contratación da coprodución, a previsión é realizar funcións no Salón Teatro da montaxe resultante e que se sumen á súa exhibición outros espazos e festivais colaboradores. Neste sentido, os concellos de Carral e de Sada, a sala coruñesa Gurugú e a empresa cultural Urdime manifestaron xa o seu interese polo proxecto de aAntena para Relato dun incendio.