Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A CIDADE DA CULTURA ACOLLE HOXE UNHA XORNADA DE TRABALLO DA ASOCIACIÓN DE TEATRO EURASIA

Representantes de teatros europeos e asiáticos achéganse ás artes escénicas de Galicia da man do Centro Dramático Galego

[16/10/2021] Representantes dos 20 teatros europeos e asiáticos integrados na Asociación de Teatro Eurasia achéganse hoxe ás artes escénicas de Galicia da man do Centro Dramático Galego (CDG). Membros da entidade desenvolven unha xornada de traballo na Cidade da Cultura, onde foron recibidos polo secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e o director da unidade de produción teatral da Xunta e única representación española na entidade, Fran Núñez. O encontro enmárcase na asemblea xeral da asociación, que se desenvolve tamén na cidade portuguesa de Braga.

Xornada Eurasia

Na súa intervención, Anxo M. Lorenzo agradeceulle á organización a elección de Galicia como espazo para un encontro que representa "unha oportunidade para dar a coñecer o teatro e o patrimonio galegos, así como para a internacionalización das nosas artes escénicas". O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade referiuse á Asociación de Teatro Eurasia como "unha mostra de que a diplomacia cultural e o teatro poden contribuír á paz, á irmandade e ao intercambio por enriba das fronteiras".

Ademais do secretario xeral de Cultura, na apertura da xornada participaron o secretario xeral da Asociación, Kubilay Erdelikara, e o presidente, Oleksandr Kniga, así como Fran Núñez e Rui Madeira, director da Companhia de Teatro de Braga e co-organizador do evento.

Durante a sesión, afondouse na organización de foros, visitas e un festival internacional de teatro co obxectivo de avanzar nos retos da Asociación, centrados en impulsar a diversidade cultural a través da creación artística teatral. Ademais, os participantes puideron coñecer da man da asociación profesional Escena Galega unha breve mostra do traballo das compañías teatrais galegas.

Tamén asistiron no Salón Teatro á función da última produción do CDG, 'Serva me, servabo te', que participou a pasada semana no Festival Internacional de Teatro de Maltepe, en Estambul, sede da Asociación, e onde foi galardoada co premio a mellor actriz para Olga Cameselle. Tras a xornada en Compostela, a Asemblea Xeral continúa mañá en Braga, onde se lle porá peche.

Xunto ao Centro Dramático Galego, compoñen a Asociación de Teatro Eurasia espazos teatrais públicos e privados da India, Acerbaixán, Bulgaria, Italia, Francia, Xeorxia, Casaquistán, Kirguizistán, Kosovo, Lituania, Chipre Norte, Chipre Sur, Polonia, Portugal, Romanía, Serbia, Uzbekistán, Turquía e Ucraína.