Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A PEZA FOI A GAÑADORA DO II CERTAME MANUEL MARÍA DE PRODUCIÓNS TEATRAIS

O Centro Dramático Galego, Incendiaria e A Quinta do Cuadrante estrean en Ourense 'A lúa vai encuberta'

[08/09/2021] A lúa vai encuberta, coprodución do Centro Dramático Galego (CDG) coa Casa Museo Manuel María e interpretada polas compañías Incendiaria e A Quinta do Cuadrante, estréase este venres no Teatro Principal de Ourense, segundo se anunciou hoxe na rolda de prensa de presentación do espectáculo, na que participou o director da compañía da Xunta, Fran Núñez.

Presentación A lúa vai encuberta

A peza, que materializa unha das nove coproducións previstas nesta temporada pola unidade teatral do Goberno autonómico, está dirixida por Tito Asorey coa dramaturxia de Vanesa Sotelo e foi a gañadora do II Certame Manuel María de Producións Teatrais.

'A lúa vai encuberta' céntrase na realidade galega e na loita incesante por conformar unha identidade propia. Con Tito Asorey, Melania Cruz, Davide González, e Vanesa Sotelo como intérpretes, a obra representarase no Teatro Principal de Ourense ata o domingo. Completan o equipo artístico Carlos Alonso, responsable do espazo escénico e vestiario, Laura Iturralde, de iluminación, e Davide González, de sonoplastia. Xunto ao CDG, participan tamén na produción da montaxe a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Canga e as deputacións de Ourense, Lugo e A Coruña co apoio de numerosos concellos.

Ampla colaboración institucional e co sector
Na súa intervención, Fran Núñez salientou a aposta da unidade de produción teatral da Xunta pola colaboración con todos os axentes do sector, así como con outras institucións e entidades, a prol da dinamización da escena galega. Trátase tamén de favorecer "o achegamento á cidadanía dos clásicos da nosa literatura adaptados á escena da man da dramaturxia contemporánea" apuntou. Neste ano, ademais das catro producións propias estreadas, o CDG participa en nove coproducións, o que supón a presenza de actividades ligadas á compañía pública en máis de cen concellos e cun total de funcións programadas que tamén supera o cento de accións.

De cara á nova temporada, a unidade de produción teatral da Xunta está xa no proceso de selección dos elencos das vindeiras producións. Trátase dunha adaptación teatral de 'A peste', de Albert Camus, dirixida por Cándido Pazó, e de 'Ás 8 da tarde cando morren as nais', baixo a dirección de Marta Pazos a partir da dramaturxia de AveLina Pérez.

Fotografía de Miguel Villar cedida por La Voz de Galicia