AGADIC

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e TurismoAGADIC

Noticias

NESTA EDICIÓN PARTICIPA O CENTRO DRAMÁTICO GALEGO COA REPRESENTACIÓN DA SÚA ÚLTIMA PRODUCIÓN 'TERCEIRO ACTO' O MARTES 20 NO AUDITORIO DO CASTELO

Anxo M. Lorenzo convida o público a gozar da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, que conta co apoio da Xunta de Galicia

[16/07/2021] O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe a Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia, que conta un ano máis co apoio da Xunta a través dun acordo de 60.000 euros co Concello. Ademais, nesta 37ª edición participa o Centro Dramático Galego (CDG), unidade de produción teatral da Xunta, coa súa última produción 'Terceiro acto' e coa colaboración no obradoiro 'DraMITurGA'.

Inauguración MIT 2021

Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade salientou a relevancia desta cita anual, que recupera a súa dimensión internacional despois de que as restricións derivadas da covid-19 limitasen a programación do pasado ano principalmente a espectáculos galegos. Anxo M. Lorenzo manifestou a "satisfacción da Xunta de seguir apostando de xeito claro por este festival, polo que significou ao longo de xa case catro décadas, polo que está a conseguir nun presente marcado pola incerteza, e pola súa indubidable proxección de futuro", ao tempo que animou ao público a participar deste evento nun contexto no que hai que seguir estremando as medidas de seguridade.

Anxo M. Lorenzo referiuse tamén á presenza "activa e protagonista" do CDG no programa da MIT, coa representación da súa última produción 'Terceiro acto'. A peza, interpretada por Belén Constenla, Roberto Leal, Fernando Morán, Mabel Rivera e Eduardo R. Cunha Tatán, recolle as emocións e experiencias deste elenco, que o secretario xeral definiu como "parte viva da historia do teatro galego, ao igual que o é a Mostra de Ribadavia". En cartel no Salón Teatro ata o domingo, chegará ao Auditorio do Castelo de Ribadavia o martes 20 ás 23,00 h., cun coloquio final co público.

Ademais, sinalou a colaboración da Xunta no obradoiro de apoio 'DraMITurga', que conta coa implicación do CDG xunto á asociación DramaturGA e ao Instituto Camões de Portugal. Por outra banda, o apoio da Xunta esténdese á estadía artística e actuación en Ribadavia de Adriana Reyes cun dos proxectos seleccionados para 'Residencias Paraíso', programa de danza e artes vivas promovido polo Colectivo RPM e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).