Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

AMOSARASE NA SALA DA RÚA CHILE DO 11 AO 13 DE XUÑO

O CDG, AveLina Pérez e Teatro Ensalle coproducen ' 'Por favor, ténteo novamente máis tarde' para súa estrea en Vigo

[09/06/2021] O Centro Dramático Galego (CDG), unidade teatral da Xunta de Galicia, e a compañía da creadora escénica AveLina Pérez coproducen o espectáculo titulado 'Por favor, ténteo novamente máis tarde', que terá a súa estrea este venres día 11 no Teatro Ensalle de Vigo, espazo que tamén participa no proxecto.

AveLina Pérez

Con dirección e dramaturxia da propia AveLina Pérez, interpretación compartida xunto a Daniel Casquero, composición musical de Ramón Raíndo, iluminación a cargo de Pedro Fresneda e montaxe de vídeo de Jesús Andrés Tejada, a nova proposta preséntase como un encontro arredor da vulnerabilidade "en contraste con todo iso que nos queren facer crer que é vivir", segundo expresa a súa autora.
A posta en escena amosa dúas persoas, cada unha co seu mundo, que transitan polas súas obsesións e desamparos. A dramaturxia constitúese arredor do pensamento individual, anulando a posibilidade de comunicación aínda que esteamos, paradoxalmente, propiciando o encontro.

Con esta montaxe, o CDG continúa avanzando na súa liña de apoio para materializar proxectos escénicos de compañías privadas galegas, de xeito adicional e alternativo ás subvencións á creación escénica que cada ano se convocan pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade a través da Axencia Galega das Insdustrias Culturais (Agadic).

De feito, esta nova coprodución vén a sumarse ás anteriores realizadas nos últimos meses con distintos espazos culturais que manteñen unha actividade de difusión e promoción teatral continuada na área de Vigo, como foron 'Clásicas desfeitas', con Nononon Lab; 'Cambio de foco', con Sala Ártika; e 'Outras miradas', co propio Teatro Ensalle.

'Por favor, ténteo de novo máis tarde', que conta tamén coa colaboración das entidades locais A Casa Vella e Xerme Asociación Veciñal, estrearase o venres 11 ás 20,00 h. e terá dúas funcións máis, o sábado 12 e o domingo 13 á mesma hora. As localidades pódese adquirir no despacho de billetes do número 15 da rúa Chile, coa posibilidade de reserva de entradas a través dos teléfonos de contacto e da web de Teatro Ensalle.

AveLina Pérez é formada en interpretación na escola Santart e titulada en dirección de escena pola ESAD de Galicia. Comeza a súa traxectoria como directora da compañía Teatro do Lume e, recentemente, crea un novo proxecto co seu nome, que abarca a produción propia, a escrita teatral e a impartición de obradoiros. Entre as pezas nas que ten participado como directora, dramaturga e actriz, destacan 'Vaguedás', 'A que non podes dicir cocacola', 'Os cans non comprenden a Kandinsky' ou 'Deixa de tocala, Sam'. Obtivo o Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais 2018, outorgado pola Xunta de Galicia, pola obra 'Ás oito da tarde, cando morren as nais' e o Premio Abrente de Textos Teatrais 2018 por 'O día no que bicar a terra'.

Ligazóns