Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

RECOLLE A DRAMATURXIA CREADA POR ANDREA JIMÉNEZ E NOEMI RODRÍGUEZ A PARTIR DE IMPROVISACÓNS CON ELENCO

A Xunta publica o libro do espectáculo do CDG 'Terceiro acto', que remata mañá as funcións no Salón Teatro de Santiago

[15/05/2021] O texto do espectáculo 'Terceiro acto' está dispoñible nun libro que recolle a dramaturxia creada por Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez, directoras da obra producida polo Centro Dramático Galego (CDG) que mañá domingo se despide do Salón Teatro de Santiago de Compostela despois de catro semanas continuadas de representacións.

Libro de Terceiro acto

O volume, coeditado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Edicións Positivas, constitúe o sétimo número da colección editorial 'O papel do teatro', coa que se lle dá difusión aos textos das producións propias da compañía pública galega.

Ademais do texto da peza protagonizada por Belén Constenla, Roberto Leal, Fernando Morán, Mabel Rivera e Eduardo R. Cunha "Tatán", o exemplar inclúe artigos asinados polo director do CDG, Fran Núñez, e polas directoras da montaxe así como a relación dos integrantes dos equipos artístico e técnico.

A publicación, que está xa a venda en librarías físicas e proximamente se incorporará á Libraría Institucional da Xunta de Galicia, preséntase nun formato de peto de 74 páxinas, con fotografías a cor que reproducen escenas da obra estreada polo CDG o pasado 15 de abril no Salón Teatro.

Última función: inclusiva e con coloquio
Ese mesmo escenario acollerá mañá ás 18,00 h. a última representación en Compostela do espectáculo, cunha función inclusiva (apoiada con lingua de signos, audiodescrición e programas de lectura fácil) que será seguida dun coloquio e que se realizará en paralelo a unha emisión especial en liña para as comunidades galegas no exterior, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración.

En 'Terceiro acto', unha troupe de actrices e actores veteranos reúnese clandestinamente pola noite para emprenderen a que quizais sexa a súa última aventura xuntos. Nesta noite revivirán o que non volverá para entender, para modificar, para se reconciliaren co que xa non está ao tempo que reflexionan sobre o terceiro acto das súas vidas. Xuntos, analizarán o seu legado e proxectaranse tamén no futuro incerto para falar sobre a vellez, a morte, os seus anhelos e desexos para esta nova etapa da vida. Trátase dunha peza á vez cómica, sombría e fermosa. Un poema escénico sobre a memoria e os soños, un exorcismo, unha celebración da vida e do teatro.

Como explican as directoras no artigo que asinan na publicación, a obra parte da idea de ter unha longa e profunda conversa cun grupo de persoas maiores de 60 anos e que, ademais, dedicaran a súa vida á interpretación e ao teatro. "Neste momento no que a historia corre a unha velocidade endiañada, detémonos a escoitar atentamente, nunha especie de soño poético, a aqueles que van diante de nós, os gardiáns da memoria", apuntan.