Noticias
1.520.000 EUROS NESTE ANO 2006
O IGAEM convoca axudas ao sector escénico e musical galego
[28/04/2006] O Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais -IGAEM- da Consellería de Cultura e Deporte fixo pública hoxe, a través do Diario Oficial de Galicia -DOG-, a súa convocatoria de axudas ao sector escénico e musical galego para 2006. Este programa de subvencións ascende a un total de 1.520.000 , distribuídos en seis diferentes liñas de apoio económico, tres delas de nova creación, que inciden no fomento e a promoción do sector cara á constitución dunha industria galega do teatro, a música e a danza innovadora e competitiva.
Así, ás axudas destinadas á produción de montaxes teatrais e coreográficas -785.000 -, á distribución de espectáculos de teatro, danza e música -240.000 -, e á programación de salas privadas de teatro e artes escénicas -95.000 -, súmanse este ano as modalidades dirixidas á dotación e investimentos nos espazos da Rede Galega de Teatros e Auditorios -120.000 -, á actividade asociativa, universitaria e non profesional -220.000 -, e ao estudo e á investigación -60.000-.
Ademais, o orzamento total supón un aumento inversor que, no caso da produción e a distribución, supera o 50% respecto da contía total adxudicada en 2005 -673.000 fronte a 1.025.000 en 2006-. Neste mesmo apartado, faise fincapé no fomento da danza e da música a través da inclusión, tamén por vez primeira, dunha categoría específica para a produción de montaxes coreográficas e para a distribución de espectáculos musicais.
Prazos
Os prazos para a presentación das solicitudes finaliza o vindeiro 29 de maio, agás no apartado de distribución -para os espectáculos estreados dende hoxe, a data límite sitúase 15 días antes da celebración da primeira das súas funcións e, en todo caso, antes do 15 de novembro- e na liña de apoio ao estudo e á investigación -31 de outubro para ás axudas ao estudo e 29 de maio para a investigación-.
Dirixidas a empresas e/ou compañías profesionais de teatro e danza, a subvención á produción de novas montaxes conta cun orzamento máximo de 785.000 , dos que 649.000 resérvanse aos espectáculos de teatro de actor e de monicreques, 100.000 aos de danza, e 36.000 á categoría de "nova creación" dirixida a empresas cunha traxectoria non superior aos 3 anos, que propoñan espectáculos con dirección novel e nos que, cando menos, un 50% do elenco técnico e artístico estea integrado por menores de 35 anos.
Os criterios de adxudicación destas axudas á produción inciden no tratamento das artes escénicas como industria cultural, incluíndo a avaliación da viabilidade económica e o plan de marketing, distribución e captación de públicos dos proxectos. Potenciarase, asemade, a nosa cultura a través da especial valoración das producións baseadas en obras de autores galegos, así como das que contribúan ao desenvolvemento de novas propostas dramatúrxicas ou escénicas.
No caso das axudas á distribución de espectáculos de teatro, danza e música, a prioridade é favorecer a proxección exterior das nosas artes escénicas e musicais, subvencionando, entre outros, os gastos de desprazamento, transporte, aloxamento e mantenza, de tal xeito que as compañías profesionais galegas poidan ofertar os seus espectáculos fóra de Galicia nas mesmas condicións que o fan na distribución interior. Por primeira vez, ademais, teranse en consideración os espectáculos musicais no referente á presenza en feiras e outras plataformas de exhibición que se celebren no resto do Estado español.
Espazos escénicos
Canto ás subvencións destinadas aos espazos escénicos, mantense a liña de apoio económico á programación de salas de teatro e de artes escénicas de titularidade privada, para a que se destinan 95.000 , aos que se suman os 120.000 dirixidos a entidades públicas locais integradas na Rede Galega de Teatros e Auditorios que precisen acometer melloras técnicas nos espazos dos que son titulares. Con esta nova categoría aténdese, así mesmo, unha demanda reiterada das compañías escénicas e musicais no sentido de garantir o mellor servizo no seo deste circuíto galego de exhibición.
As axudas do IGAEM tamén terán en conta o labor que, en relación coas artes escénicas e musicais, desenvolven asociacións, universidades e entidades non profesionais de toda Galicia, para o que se fixa un investimento total máximo de 220.000 .
Por último e cun orzamento de 60.000 , incorpóranse as axudas ao estudo e á investigación co obxectivo de fomentar a reciclaxe profesional e a formación especializada das persoas vinculadas ás actividades de creación, produción, distribución e exhibición de espectáculos escénicos e musicais, así como de promover a actividade investigadora no ámbito de teatro, a danza e a música.