Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

PERMANECERÁ EN CARTELEIRA EN SANTIAGO DE COMPOSTELA ATA O 16 DE MAIO, CON FUNCIÓNS DE MÉRCORES A DOMINGO

O CDG ultima os ensaios da produción teatral 'Terceiro acto' para a súa estrea no Salón Teatro o 15 de abril

[29/03/2021] O Salón Teatro de Santiago de Compostela acolle estes días os últimos ensaios da nova produción do Centro Dramático Galego (CDG), 'Terceiro acto', cuxa estrea está prevista para o 15 de abril. Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez dirixen esta peza con textos da súa autoría a partir de improvisacións co elenco, formado por Belén Constenla, Roberto Leal, Fernando Morán, Mabel Rivera e Eduardo R. Cunha Tatán.

Cartel de Terceiro acto

Con escenografía de Marta Pazos, vestiario de Yaiza Pinillos e iluminación a cargo de Miguel Ruz Velasco, 'Terceiro acto' permanecerá no Salón Teatro ata o 16 de maio. Completan o equipo artístico Hugo Torres, a cargo do espazo sonoro, e Amaya Galeote, da coreografía, respectivamente, así como Laura Míguez na asistencia de dirección, Carmen Triñanes, na de escenografía e Xandre Vázquez, na de produción.

Na escena, esta troupe de actrices e actores veteranos reúnese clandestinamente pola noite para emprenderen a que quizais sexa a súa última aventura xuntos. Revivirán o que non volverá para entender, para modificar, para se reconciliaren co que xa non está, ao tempo que reflexionan sobre o terceiro acto das súas vidas. Xuntos analizarán o seu legado e proxectaranse tamén no futuro incerto para falar sobre a vellez, a morte, os seus anhelos e desexos para esta nova etapa da vida.

O público poderá gozar da peza a partir do 15 abril todos os xoves ás 20,00 h., e os venres e sábados con dobres funcións, ás 17,00 e ás 20,00 h. Ademais, os domingos haberá representacións ás 18,00 h, seguidas de encontros co equipo artístico. Tamén están previstas funcións inclusivas e descontraídas para facilitarlles o acceso ao espectáculo ás persoas con diversidade funcional, como xa se fixo coa anterior produción, O charco de Ulises. As entradas estarán á venda de xeito anticipado a través de ataquilla.com e, dúas horas antes de cada función, no despacho de billetes do Salón Teatro.

'Terceiro acto' é a segunda estrea das tres producións previstas para este ano polo CDG, unidade teatral da Xunta. O pasado xaneiro arrancaba a programación propia con O charco de Ulises, da que se realizará unha xira por todo o territorio galego a finais de ano, e en setembro estrearase Serva me, servabo te.