Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O público achegarase ao proceso de creación dos proxectos e asistirá a unha breve representación de cada un deles

O Salón Teatro acolle unha mostra das propostas artísticas participantes no programa 'Residencias cruzadas'

[14/03/2021] O Salón Teatro de Santiago de Compostela acolle a vindeira semana unha mostra ao público do programa 'Residencias cruzadas', desenvolvido no espazo da Xunta ao longo de febreiro. O Centro Dramático Galego, unidade teatral da Xunta de Galicia, promoveu esta iniciativa para dinamizar o sector escénico ante a cancelación das funcións teatrais por mor da covid-19, aglutinou nove propostas artísticas combinadas en cinco proxectos.

Producións Dispersas

A través dos encontros previstos para o martes, mércores e xoves, o público coñecerá os procesos de creación dos diferentes traballos e asistirá a unha breve representación de cada un deles. Todas as sesións terán lugar ás 18,00 h. e unha hora antes abrirase o despacho de billetes para recoller as entradas gratuítas.

O martes, Diana Sieira e Helena Salgueiro compartirán os procesos de creación dos seus respectivos proxectos 'The Witch' e 'Ferro, Federicci'. A través de lecturas comúns e complementarias, ambas analizarán a situación actual das mulleres, atendendo á historia da caza de bruxas como pano de fondo.

O mércores será a quenda de Producións Dispersas, con 'Mentres dure a canción' e Mónica Sueiro, con '15 minutos', que afondarán na metateatralidade e na loita do individuo por ser e estar no colectivo. Finalmente, o xoves, Anómico Teatro presentará a súa recente estrea 'Mosaico de anxos abandonados despois do combate', e Cía. Sr. López, 'Manuela Rodríguez é unha inuit', con lecturas complementarias sobre exilios e migracións.

Os encontros co público das Residencias cruzadas comezaron a semana pasada con Marta Pazos, de Voadora, e Lucía Díaz-Tejeiro. Ambas compartiron os procesos de creación dos seus respectivos traballos 'Sincro' e 'Akrasia'. No programa participou tamén Chusa Pérez de Vallejo, quen desenvolveu durante febreiro diversas sesións formativas sobre teatro e inclusión.

Co novo programa Residencias cruzadas o Centro Dramático Galego ofrécelles ás compañías participantes un novo modelo de traballo, ao facilitar que propostas artísticas con temáticas, imaxinarios, idearios ou formatos semellantes poidan retroalimentarse. Trátase así de fomentar o encontro dos profesionais e de dinamizar o sector escénico a prol do enriquecemento de futuras exhibicións teatrais.