Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A INICIATIVA TEN COMO OBXECTIVO SACAR O TEATRO Á RÚA OFRECENDO HISTORIAS VIVAS A PARTIR DA MEMORIA URBANA

CDG, Centro #Dramático Nacional, Grupo Chévere e Sala Beckett colaboran na primeira edición do proxecto 'Dramawalker'

[26/02/2021] Dramawalker é un proxecto orientado a crear ficcións sonoras xeolocalizadas como memoria viva dunha cidade que o Centro #Dramático Nacional, coa colaboración do Centro Dramático Galego, o grupo Chévere e a Sala Beckett, emprende esta temporada coa veciñanza de tres cidades españolas. Trátase dunha iniciativa que irá ampliando o seu radio de actuación a novas localidades, tanto da xeografía nacional como a nivel internacional.

Barrio de Vite

A materia prima son as historias contadas pola veciñanza do barrio. A partir do seu encontro coas dramaturgas e dramaturgos, e coa mediación de asociacións locais nutríndose do tecido comunitario de cada cidade, o resultado arroxa unha serie de ficcións sonoras que se poderán escoitar mentres se transita polas rúas onde acontecen esas historias.

Para o Centro #Dramático Nacional, máis aló da historia oficial do barrio, Dramawalker pretende construír unha intrahistoria creada pola comunidade local, potenciando o seu vínculo emotivo e identitario e achegando o resto da cidadanía a un novo mapa de vivencias por descubrir. Trátase dunha experiencia que toma como punto de orixe as artes escénicas e en concreto a herdanza do radio teatro e o teatro comunitario e participativo.

A primeira edición protagonízana tres barrios con personalidade ecléctica e moitas historias que contar: en Santiago de Compostela, o barrio de Vite protagonizará os relatos contados polo grupo Chévere coa participación de Paula Carballeira, Manuel Cortés, Esther F. Carrodeguas, Carlos Santiago e Xron; en Madrid, a Cañada Real, cuxa memoria será relatada polos dramaturgos Jorge Aznar Canet, Alberto Conejero, Roberto Martín Maiztegui, Cristina Rojas e María Velasco; e en Barcelona, coa colaboración da Sala Beckett, Roc Esquius, Silvia Navarro, Oriol Puig, Mercè Sarrias e Joan Yago converterán en ficcións as historias do Poblenou.

Esta viaxe a través da memoria viva dos barrios realizarase a través dunha plataforma tecnolóxica: o usuario poderá acceder cun só clic, ben in situ ou ben desde a súa propia casa, a un mapa interactivo con diferentes percorridos que conterán as historias sonoras e outros recursos relacionados con elas.

Documentación