[03/02/2021] O Centro Dramático Galego (CDG) está a dinamizar a creación e a innovación no teatro co seu novo programa Residencias cruzadas, que se vai desenvolver ao longo de febreiro e marzo con nove propostas creativas combinadas en cinco proxectos que inclúen accións dirixidas tanto aos profesionais do sector como á cidadanía. Deste xeito, o organismo dependente da Xunta busca facilitarlles ás compañías un espazo para o encontro, a reflexión e a investigación, poñendo á súa disposición o Salón Teatro de Santiago, nun momento no que as exhibicións están suspendidas por mor das restricións da covid-19. A iniciativa ten tamén como obxectivo achegarlle o proceso de creación escénica ao público, con accións formativas e encontros abertos.
Residencias cruzadas comeza a súa andaina co proxecto 'Somos teatro'. Teatro e inclusión social, creado pola actriz, directora e pedagoga teatral Chusa Pérez de Vallejo, e que procura investigar na inclusión desde unha perspectiva global. A súa proposta concluirá cunha formación en liña aberta a profesionais das artes escénicas e a todas as persoas interesadas en afondar na necesidade de xerar realidades teatrais inclusivas para que a discapacidade non impida traballar en igualdade de condicións. Baixo o título Somos os luns, a parte formativa desenvolverase os luns de febreiro a partir do día 8, de 20,00 a 22,00 h.
Variedade de propostas
O programa continuará a vindeira semana cos proxectos para a reflexión e a experimentación compartidos entre Diana Sieira, creadora de 'The Witch', e Helena Salgueiro, con 'Ferro, Federici'. A través de lecturas comúns e complementarias, ambas analizarán do 9 ao 15 de febreiro a situación actual das mulleres, atendendo á historia da caza de bruxas como pano de fondo. Pola súa banda, a partir do día 13, Voadora, con 'Sincro', e Lucía Díaz-Tejeiro con 'Akrasia', abordarán os ocos das memorias individuais no relato colectivo.
Asemade, Producións Dispersas, con 'Mentres dure a canción', e Mónica Sueiro, con 15 minutos, afondarán na metateatralidade e na loita do individuo por ser e estar no colectivo entre o 15 e o 20 de febreiro. Finalmente, do 21 ao 25 deste mes, Anómico Teatro, con 'Mosaico de Anxos', e Cía. Sr. López, con 'Manuela Rodríguez é unha inuit', realizarán lecturas complementarias sobre exilios e migracións.
Todas as residencias culminarán con encontros abertos ao público na segunda quincena de marzo. Residencias cruzadas supón para as compañías participantes un novo modelo de traballo, no sentido de que o CDG busca que propostas artísticas con temáticas, imaxinarios, idearios ou formatos semellantes poidan retroalimentarse. Trátase así de fomentar o encontro dos profesionais e de dinamizar o sector escénico a prol do enriquecemento de futuras exhibicións teatrais.