Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

AO VISIONADO DO ESPECTÁCULO SEGUIU UN COLOQUIO EN 'STREAMING'

A emisión en liña da obra do CDG 'O charco de Ulises' acada conexións desde 800 dispositivos de 18 países e catro continentes

[25/01/2021] O Centro Dramático Galego (CDG), unidade de produción teatral da Xunta de Galicia, inaugurou coa montaxe O charco de Ulises o servizo de emisión en liña dos seus espectáculos nunha sesión que incluíu un coloquio en ‘streaming’ desde o Salón Teatro de Santiago de Compostela e que foi seguida a través de 800 dispositivos conectados desde 18 países de catro continentes.

Momento do coloquio

No evento participaron persoas rexistradas desde outras comunidades autónomas españolas (Castela-A Mancha, Castela e León, Euskadi, Navarra ou Valencia), así como doutros países de Europa (Alemaña, Francia, Holanda, Italia, República Checa, Reino Unido, Suecia, Suíza), de América (Arxentina, Brasil, EE.UU., México, Uruguai), de África (Mozambique) e de Asia (Singapur e Turquía).

Á difusión da iniciativa entre os galegos e galegas do exterior contribuíu o acordo acadado neste sentido co secretario xeral da Emigración da Xunta, Antonio Rodríguez Miranda, quen tamén participou no coloquio xunto con Fran Núñez, director do CDG, Santiago Cortegoso, codirector da obra con Marián Bañobre, e membros do elenco que integran Fran Paredes, Inés Salvado Gontad, Óscar Allo, Miguel Borines, Mónica Camaño, Rosalía Castro, Raquel Espada, Manuel Millán, Chusa Pérez de Vallejo e Paulo Serantes, ademais do músico Xosé Lois Romero.

Conexión temática coa emigración
O tema que aborda O charco de Ulises resultou especialmente acaído para iniciar esta nova actividade do CDG, xa que se trata dunha versión libre do clásico grego, revisitado desde a perspectiva da emigración galega.

A iniciativa, que resultou moi participativa e foi valorada de xeito moi positivo polos espectadores e polos interviñentes, abre novas vías de achegamento ao público no actual contexto de restrición de actividades e de limitación de mobilidade por mor da pandemia sanitaria.

O charco de Ulises sitúa o clásico de Homero nun contexto transatlántico. A trama do texto escrito por Cortegoso en 2010 xera un diálogo co mito orixinal de Ulises para tratar o fenómeno da emigración galega cun marcado compoñente poético. Ulises permanece errante durante dez anos viaxando de illa en illa, vivindo aventuras inesquecibles, entre suculentos banquetes e fermosas mulleres. A idea do regreso á patria non o abandona nunca, pero a súa vida non había transcender se non saíra dela. Así, a proposta muda Ítaca por Galicia, Troia por Buenos Aires e o Mediterráneo polo Atlántico.

No equipo artístico desta produción de gran formato figuran Pablo Giráldez O Pastor no deseño de escenografía, Saturna no de vestiario, Salvador del Río na iluminación, Xosé Lois Romero no espazo sonoro, Ezequiel Merlo na Coreografía Tango, María Costas no traballo de voz, Baia Fernández na caracterización, Carmela Bueno na asistencia de dirección e Xandre Vázquez na de produción.