Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

NONONON.LAB, TEATRO ENSALLE E SALA ÁRTIKA LEVARÁN A CABO CANDANSEU ESPECTÁCULO XUNTO CO CDG

A Xunta coproduce con tres espazos creativos de Vigo as montaxes 'Clásicas desfeitas', 'Outras miradas' e 'Cambio de foco'

[11/09/2020] O Centro Dramático Galego (CDG) da Consellería de Cultura, Educación e Universidade participa na produción dos tres vindeiros espectáculos doutros tantos espazos creativos e compañías no ámbito teatral que traballan na cidade de Vigo, como son Nononon.lab coa montaxe de Clásicas desfeitas, Teatro Ensalle con Outras miradas e Sala Ártika con Cambio de foco.

Os participantes, no Museo do Mar de Galicia

Integrantes dos equipos artísticos das tres compañías mantiveron esta mañá no Museo do Mar de Galicia un encontro no que tamén interviron o director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil, e mais o director do CDG, Fran Núñez. Durante a reunión, todos os asistentes tiveron a oportunidade de intercambiar información e experiencias sobre os momentos concretos no que se atopa cada proxecto.

A posta en común tamén foi un xeito de recoñecerlles publicamente a estes colectivos o intenso labor de promoción teatral que están a levar a cabo en Vigo, xa que coa súa actividade compoñen un eixo de difusión dramática de iniciativa privada con gran repercusión na cidade e en toda a súa área de influencia e con crecente proxección tamén fóra dese ámbito xeográfico.

Traballos abertos e en proceso
Nononon é un novo espazo de creación e investigación escénica que está a preparar Clásicas desfeitas co traballo de Coti Faro, Xacobo Castro, Laura Iturralde, Lucía Estévez e Montse Piñeiro. A proposta, que se desenvolve a partir dos textos de Prometeo, Fausto e Frankenstein, ten como premisa a experimentación, polo que non se pretende acadar respostas sinxelas sobre as emocións ou o lugar do ser humano no mundo, senón activar a busca por medio da reflexión e do diálogo. Clásicas desfeitas ofreceu xa sesións abertas ao público a pasada semana na sala que rexenta a compañía, e que continuará o proceso de creación con representacións no marco de diferentes galegos e noutros recintos fóra de Vigo.

Outras miradas é a última montaxe de Teatro Ensalle, un proxecto docu-escénico que consta de tres fases: recompilación de material escrito, plástico ou audiovisual; edición e deseño da exposición dese material e traballo escénico para interactuar coa devandita mostra. Partindo da obra A nosa especie, escrita polo profesor de antropoloxía Marvin Harris, Teatro Ensalle formulou preguntas (sobre política, ecoloxía, economía, educación, existencialismo...) a artistas e cidadáns, en tre eles creadores da talle de Carmen Werner, Sergi Fäustino ou Antonio Fernández Lera. As respostas acadadas en diferentes formatos son a fonte da que se nutre o espectáculo asinado e interpretado por Pedro Fresneda, Raquel Hernández e Artur Rei. A estrea será os vindeiros 25, 26 e 27 de setembro no escenario da rúa Chile.

Pola súa banda, Sala Ártika achega Cambio de foco, un traballo de investigación a cargo de tres equipos artísticos de diferentes xeracións e con tres xeitos distintos de ver o teatro. O obxectivo deste laboratorio é tender unha ponte entre a creación e o público, o que permitirá coñecer como percibe cada espectador as diversas pezas que o compoñen. O único común das tres son a liberdade creativa e o emprego do conto Sapatos de tacão alto, de Mia Couto. Ocúpanse da dirección e dramaturxia Marcos Alonso, Afredo Rodríguez e Rafael Rey; na dirección musical está Anxo Fernández e, no elenco, Rocío Salgado, Martín Maez, Fernanda Barrio, Olga Cameselle, Alfredo Rodríguez, Rafael Rey e Mathias Rodríguez. A estrea será o 6 de decembro na propia Sala Ártika.