Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A PEZA TIVO A SÚA ORIXE NO CICLO DO CDG 'TEATRO OB-SCENO'

O Salón Teatro acolle dúas funcións de AveLina Pérez&Velpister co espectáculo 'Deixa de tocala, Sam'

[18/09/2019] O Salón Teatro de Santiago de Compostela ofrece esta fin de semana dúas representacións da peza 'Deixa de tocala, Sam', a cargo da creadora escénica AveLina Pérez xunto co pianista Velpister. A sede do Centro Dramático Galego exhibe así este espectáculo, ao que contribuíu a poñer en escena pola programación dunha acción curta co mesmo título dentro do seu ciclo Teatro Ob-sceno, en maio de 2018.

Escena da peza

Despois da súa xénese como unha montaxe unipersoal da artista viguesa, de formar parte da carteleira de Galicia Escena PRO —o mercado de artes escénicas organizado pola Consellería de Cultura e Turismo—, e de se estrear no Teatro Ensalle de Vigo, a proposta volve agora ao escenario compostelán para amosarlle ao público o resultado deste proceso creativo.

A proposta inicial, que fora desenvolvida na zona do montacargas do Salón Teatro, foi medrando para afondar na relación entre os poderes establecidos e os lugares que permanecen agochados, afastados dos focos, ata situar a proposta no lugar central do escenario, que se ilumina e que lles dá cabida ás preguntas teatrais que se formula AveLina Pérez. Hamlet, Deus, Billy o neno, unha muller cun dente de ouro que bota pan aos peixes da praza, o rei, a actriz, o pianista… son personaxes que compoñen esta paisaxe teatral e musical que procura incertezas pero que, de xeito paradoxal, celebra o feito da vida.

O espectáculo conta coa participación de Velpister, artista multidisciplinar cuxo traballo atende ás cuestións relacionadas co poder e coa ruptura dos canons establecidos, ademais de Daniel Casquero na iluminación e de Jesús Andrés Tejada no vídeo.

Despois de 'Deixa de tocala, Sam', o Salón Teatro continuará a súa actividade para a recta final do ano coas montaxes 'Karelu', de Os Náufragos Teatro (do 27 ao 29 de setembro), 'O que segue', de Funboa Escénica (do 18 ao 20 de outubro); 'Como ceniza blanca sobre una hoguera', de La tejedora de sueños (11 de outubro); 'Desde o invisible' a cargo da compañía La Quintana Teatro (do 30 de outubro ao 3 de novembro) ou 'Cartoóns', de PT Excéntricas e Teatro de Adro (do 30 de outubro ao 3 de novembro), entre outras propostas.