Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O TEATRO COLÓN DA CORUÑA ACOLLE A ESTREA ESTE SÁBADO 8, ÁS 20.30 H

O Centro Coreográfico Galego e a Fundación Victoria y Joaquín Rodrigo homenaxean o compositor cun ballet sobre a súa vida

[04/06/2019] O Teatro Colón da Coruña acolle este sábado 8, ás 20,30 h., a estrea do espectáculo de danza Maestro Rodrigo, promovido pola Fundación Victoria y Joaquín Rodrigo coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo, a través do Centro Coreográfico Galego (CCG), e do Concello da Coruña.

Maestro Rodrigo

A montaxe, que homenaxea o gran compositor español no 20 cabodano do seu pasamento, foi presentada este mediodía por Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Cecilia Rodrigo, presidenta da Fundación Victoria y Joaquín Rodrigo; Mercedes Suárez, directora do CCG e coautora das coreografías desta montaxe xunto ao británico Kenneth Tindall, e José Manuel Sande, concelleiro en funcións de Culturas, Deporte e Coñecemento da Coruña.

Na súa intervención, o responsable da Agadic sinalou que Maestro Rodrigo supón unha nova oportunidade de dinamizar o ámbito da danza desde Galicia, a través dun equipo artístico maioritariamente galego, tanto no corpo de baile como no deseño de vestiario (Diego Valeiras), iluminación (Xosé Manuel Rabón) e as propias coreografías de Mercedes Suárez. Cóntase, así mesmo, coa achega de Kenneth Tindall, que Sutil definiu como "un dos creadores europeos de maior proxección", coreógrafo residente do Northern Ballet de Leeds e que xa traballara co CCG no espectáculo As catro estacións, estreado en 2016.

O director da Axencia enmarcou esta colaboración nas diferentes accións que a Xunta está a desenvolver para impulsar esta disciplina artística. Mencionou ao respecto varias medidas de discriminación positiva para garantir a súa inclusión nos diferentes programas e redes de distribución da Agadic, así como a produción de novos proxectos a través dunha dotación de 110.000 euros destinada especificamente para a danza nas subvencións á creación escénica de 2019.

Convocatoria de coproducións
Neste mesmo sentido, Jacobo Sutil anunciou que mañá mesmo se publicará na web da Agadic unha nova convocatoria para a coprodución de tres espectáculos coreográficos, á que se destinarán 54.000 euros. "Agardamos que esta iniciativa dea tan bos resultados como nas súas últimas entregas, xa que a partir dela puidemos gozar de pezas contemporáneas como Son, de Nova Galega de Danza; Pink Unicorns, de La Macana; Directo 9, de Pisando Ovos, e Corps Sonore, con SóloDos", sinalou.

No caso de Maestro Rodrigo, os estilos neoclásico e contemporáneo conviven á hora de ofrecerlle ao público un percorrido pola traxectoria vital e profesional de Joaquín Rodrigo como historia de superación. Baixo o subtítulo O neno que soñaba a música, o espectáculo preséntase como unha narración ilustrada por medio da danza e de numerosos fragmentos das obras do autor de Concierto de Aranjuez.

De feito, a montaxe aborda a vida de Rodrigo desde a súa infancia en Sagunto ata o seu regreso a España tras a Guerra Civil no ano en que compón a obra que lle dará maior sona internacional, pasando polo seus estudos en París ou o seu casamento coa pianista turca Victoria Kamhi.

Elenco
Sobre o esecenario, J. Miguel Hernández e Julia Méndez danlle vida a este matrimonio de músicos e Silvana Sestelo, á nai do compositor, mentres que o Joaquín Rodrigo neno é interpretado por Xurxo Pena, bailarín carballés de 14 anos que comezou os seus estudos na Escola Municipal de Danza de Ponteceso, aberta en colaboración co Centro Coreográfico Galego por medio do seu programa Danza no Rural.

Completan o elenco Cristina Amor, Natalia García, Paula Ripoll, Rosalía Vázquez, Dayron Rodríguez, Germán Flores e os nenos Gaël, Amanda e Luana Huiban Monteagudo, Paola K. Martínez Taibo e Ruth Amor Pan.

As entradas para a estrea deste sábado están dispoñibles no web www.ticketea.com e no 902 044 226, así como nas canles habituais de venda física do Teatro Colón: no despacho de billetes da praza de Ourense ata o venres e no do teatro, aberto desde unha hora antes do comezo do espectáculo, en función das localidades dispoñibles.

Ligazóns