Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

DO XOVES 21 AO DOMINGO 24 DE FEBREIRO

O CDG ábrelle as portas do Salón Teatro á comedia 'O furancho' de Ibuprofeno

[19/02/2019] A sede do Centro Dramático Galego no Salón Teatro de Santiago converterase esta semana nun "resort vitivinícola" para acoller a premiada comedia O furancho, da compañía Ibuprofeno Teatro. Marián Bañobre e Isabel Risco son as protagonistas desta montaxe, escrita e dirixida por Santiago Cortegoso, que poderá verse en Compostela do xoves 21 ao domingo 24.

O furancho

Ademais das catro funcións xerais -de xoves a sábado, ás 20.30 h., e o domingo, ás 18 h.-, o venres tamén terá lugar un pase matinal concertado con diferentes centros escolares, cuxo alumnado poderá gozar dunha proposta que recibiu, entre outros, o premio ao mellor espectáculo e á mellor actriz para Isabel Risco no Festival de Teatro Galego (Fetega) do Carballiño en 2015, ademais do María Casares ao mellor vestiario en 2016. Coa súa máis recente produción, Casa O’Rei, Ibuprofeno concentra cinco das 10 candidaturas galegas as Premios Max deste ano.

Botando man dun humor hilarante e acedo, as dúas intérpretes reciben ao público no seu Furancho Spa Resort Vitivinícola Rosalía de Castro, metáfora gastronómica do sector teatral galego ao máis puro estilo "agroglamour". A estética máis trendy mestúrase con elementos tradicionais, o rural co cosmopolita e o loureiro coas novas tecnoloxías nunha proposta protagonizada por dúas mulleres fortes, con toda a enerxía desvergonzada das pallasas, capaces de poñer o mundo patas arriba para lograr que os seus soños se fagan realidade.

Marián Bañobre encargouse de deseñar o vestiario, ademais da escenografía xunto a Santiago Cortegoso, como parte do equipo artístico do que tamén formaron parte Carmela Bueno (movemento escénico), Salvador del Río (deseño de iluminación) e Radio Cos (música), entre outros profesionais.

A venda anticipada de entradas para estas funcións está dispoñible no web entradas.abanca.com e no teléfono 902 434 443. No despacho de billetes do teatro, poderán adquirirse desde dúas horas antes do comezo do espectáculo. O seu importe é de 10 euros, cos descontos habituais, para xoves, venres e sábado; e de 5 euros (prezo único) o domingo, Día do Espectador.

Ligazóns