Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

MAÑÁ SÁBADO, ás 20,30 H., E O DOMINGO, ÁS 18,00 H.

A compañía Xerpo chega esta fin de semana ao Salón Teatro de Santiago co espectáculo 'Casquería e outras vísceras'

[07/12/2018] O Salón Teatro de Santiago de Compostela acollerá esta fin de semana a Xerpo Teatro, compañía residente da Sala Ingrávida do Porriño, co seu espectáculo Casquería e outras vísceras. Irene Moreira asina a dirección e dramaturxia desta montaxe, que Olga Cameselle e Álex Sobrino interpretarán na sede do Centro Dramático Galego (CDG) mañá sábado 8, ás 20,30 h., e o domingo 9, ás 18,00 h.

Casquería e outras vísceras

A través da súa linguaxe poética, Casquería e outras vísceras fala da substancia interior do ser humano e proponlle ao público un espazo para a reflexión e para a acción. A isto contribúe, ademais, a forza impactante do espazo escénico deseñado por Montse Piñeiro, quen tamén se encargou da iluminación e do vestiario, así como o espazo sonoro de Natalia Cancela. Completa o equipo José Vaquero como axudante de dirección.

A través desta montaxe, Xerpo proponlle ao espectador unha pregunta: "Por que a sociedade non é quen de detectar o talento?" Na procura dunha resposta a esta cuestión, o espectáculo afonda na desconexión social coa identidade, especialmente coa das minorías, que se foi diluíndo no que a compañía define como "feitos maquinais": traballo, consumo, supervivencia...

As entradas para as dúas funcións de Casquería e outras vísceras en Santiago xa están á venda a través do web entradas.ataquilla.com. Tamén poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro, que estará aberto ao público desde dúas horas antes do inicio das representacións.

A programación na sede do Centro Dramático Galego continuará a semana que vén, cando chegará a Santiago a compañía Inversa Teatro para representar do martes 11 ao domingo 16 o seu espectáculo Sofía e as postsocráticas, tras o seu paso por Culturgal e a súa estrea oficial o pasado día 5 en Vigo.