[21/06/2007] O Salón Teatro de Santiago acollerá dúas funcións do espectáculo Ojos de pez, a última creación da Compañía Daniel Abreu, que se insire dentro do Festival Internacional En Pé de Pedra. Danza para paseantes en Compostela. Como novidade desta duodécima edición, o escenario que xestiona o Centro Dramático Galego (CDG) incorpórase como espazo interior do certame anual de danza que organiza Matarile Teatro, mediante a representación de dous pases do devandito espectáculo (mañá venres 22 ás 21:30 e o domingo 24 ás 19:00) que, debido ás súas características técnicas, non pode levarse a cabo nas localizacións exteriores das rúas e prazas de Compostela nas que se desenvolve a maior parte da programación.
En Ojos de Pez, Daniel Abreu, un dos grandes nomes da danza contemporárea actual, dirixe e interpreta unha execución acompañada sobre o escenario por outros tres bailaríns (Igor Calonge, Andrea Quintana, Anuska Alonso), a través da construción de paisaxes para a fotografía e o seu encadeamento a modo de secuencia cinematográfica.
A proposta artística é un espazo en movemento sobre o que se decide mirar ou non, a mirada como filtro do que decide fotografarse; e a memoria de lembranzas relacionadas co asombroso do que temos ao redor. O coreógrafo tinerfeño afincado en Madrid defende a idea de non ter que explicar a ollada do peixe e a súa, senón simplemente contala.
TRAXECTORIA PROFESIONAL
Daniel Abreu nace en Santa Cruz de Tenerife onde comeza a súa formación en Danza Clásica e Contemporánea que continúa en Madrid e Barcelona. Establecido en Madrid, obtivo o Premio do Xurado do XVIII Certamen Coreográfico de Madrid, cunha Residencia de Creación para Montemor-o-Novo (Portugal). Foi tamén galardoado co Premio a un Bailarín Sobresaliente no mesmo Certame cunha bolsa para asistir ao American Dance Festival, e Premio al Bailarín Más Destacado do IV Certamen Coreográfico de Maspalomas.
Traballou como intérprete para compañías como Provisional Danza (dirixido por Carmen Werner coa que mantén unha estreita relación profesional como axudante das últimas producións), Matarile Teatro (incluída a produción do Centro Dramático Galego Illa Reunión), Lanónima Imperial dirixido por Juan Carlos García (Barcelona, 2003), Gloria García e Cía. (Madrid, 2000), Larumbe Danza (Madrid 2000), Compañía de Danza Berthelius (Tenerife, 1997-1998) ou Dania Salazar Danza (Tenerife, 1995-1997).
Realiza a asistencia de dirección a Ana Vallés e Carmen Werner en Pie Izquierdo e a asistencia de coreografía da ópera Macbeth, no Teatro Real. Entre as súas últimas creacións destacan: Perro, En la Espalda, Bajo Cero e Por el Camino Verde, que foron presentadas en Alemaña, Portugal, así como en festivais nacionais de gran sona como Escena Contemporánea (Madrid), Madrid en Danza, Mes de Danza de Sevilla, Tensdanza (Barcelona), Huellas (Andalucía), En Pé de Pedra (Compostela), Seis Cordas (Vigo), Encuentro de Teatro Breve de El Ejido (Almería), Veranos de la Villa (Madrid).
Finalmente. Cómpre destacar as coreografías de encarga para a Compañía de Danza Nómadas (Tenerife), a Escola de Danza Natalia Medina (As Palmas), o Real Conservatorio Superior de Danza María de Ávila (Madrid) e o Festival En Pé de Pedra.
As entradas para asistir ás representacións de Ojos de pez son de balde, previo paso polo despacho de billetes do Salón Teatro, que se abrirá dúas horas antes do comezo de cada función.