Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

Aporía Escénica regresa ao Salón Teatro de Santiago con catro funcións de "6 cubos negros sobre fondo branco"

[09/05/2018] O Salón Teatro de Santiago, sede do Centro Dramático Galego (CDG), recibe de novo a compañía viguesa Aporía Escénica, que desta volta representa 6 cubos negros en corpo branco, a súa nova produción. Diana Mera é a autora e directora deste espectáculo, que contou co apoio económico da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a través das axudas a produción escénica de 2017 e que poderá verse neste escenario ata o vindeiro domingo día 13.

Aporía Escénica, que hai un ano xa visitara o Salón Teatro coa súa premiada 30 e tantos ósos, afonda de novo no universo feminino con esta traxicomedia sobre a represión nos ámbitos familiar e social, con tinturas de humor negro e absurdo e moitas referencias ao universo lorquiano de La casa de Bernarda Alba.

En escena, seis actrices habitan un espazo en branco e negro, subxugadas pola omnipresenza do frío que emana do gran frigorífico branco que lles sirve de fondo. Suspendidas no tempo, atópanse a cabalo entre dúas épocas: a analóxica e a dixital. Ao longo do espectáculo, o público asiste á desconxelación gradual dos corpos das actrices, que pasan do hieratismo á organicidade nunha atmosfera chea de inquietude na que destacan os laios do violín.

O elenco, composto por María Salgueiro, Rosa Puga Davila, Marta Pérez, Lucía Hernández, Nerea Brey e Diana Mera, levará a escena esta peza desde mañá ao sábado ás 20,30 h. e o domingo ás 18,00 h.

As entradas para 6 cubos negros en corpo branco poden adquirirse de xeito anticipado no web entradas.abanca.com ou no teléfono 902 434 443. No despacho de billetes do Salón Teatro, estarán á venda desde dúas horas antes do comezo de cada función. O prezo é de 10 euros, cos descontos habituais.

Tras estas representacións, o Salón Teatro acollerá unha xornada de portas abertas o xoves 17 con motivo de celebración do Día das Letras Galegas, para dar paso, na semana seguinte, ao ciclo Teatro Ob-sceno do programa de residencias do CDG.

Ligazóns