Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

HERNÁN GENÉ DIRIXE ESTA CREACIÓN COLECTIVA QUE SE ESTREA O XOVES 14

O novo circo entra no CDG coa coprodución de "Kamikaze" con PistaCatro

[11/06/2007] O Salón Teatro de Santiago acolle este xoves día 14 ás 20.30 horas a estrea do espectáculo Kamikaze, a cargo da compañía PistaCatro Produtora de Soños en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG). Esta creación colectiva con dirección do arxentino Hernán Gené, que permanecerá en cartel até o domingo día 17, supón a apertura da compañía pública ao xénero do novo circo, mediante a aposta polo traballo de PistaCatro como colectivo pioneiro en Galiza no devandito xénero escénico.

kamikaze

Con Kamikaze, o CDG retoma ademais o sistema de coproducións con empresas de teatro privadas, unha liña de traballo importante nos inicios da compañía pública. A colaboración entre a institución e as compañías galegas non só favorecerá ao sector, senón que tamén enriquecerá ao Centro mediante a asunción de novas experiencias e a participación interprofesional.

Dirixida a todos os públicos, en Kamikaze, a homenaxe a un amigo falecido é o pretexto para que o espectáculo cobre vida por medio dunhas misteriosas personaxes, que se dan cita nunha ceremonia que repiten solemnemente cada ano para amosar o seu pesar, ao tempo que defenden un modo de vida artística tan arriscado como persoal. Un tipo gris e aburrido chega alí de xeito accidental. ¿Quen era o morto para merecer tantos honores?, ¿Por que despois da morte celébrase tanto a vida?, ¿Será que a vida é tamén unha kamikaze?.

INTERPRETACIÓN TOTAL

Os protagonistas son sete persoas que proveñen do circo, do teatro, do ilusionismo e da música e que, arredor do concepto kamikaze, no sentido romántico do termo (un salto ao baleiro, un camiño suicida, camiñar pola corda frouxa...), ensamblan as súas experiencias e coñecementos individuais nunha montaxe innovadora e multidisciplinar.

Hernán Gené (premio Max 2005 ao mellor espectáculo de teatro por "Sobre Horacios e Curiacios") conta para a interpretación de Kamikaze con Antón Coucheiro, Borja Fernández, Manuel Lago, Alfonso Medina, Xabier Mera, Natalia Outeiro "Pajarito" e Pablo Reboleiro. Todos eles levan a cabo unha interpretación total, no sentido de que non só traballan como actores e actrices, xa que a súa intervención abrangue números de circo e tamén de música.

Outros nomes importantes para a materialización desta obra son Carlos Alonso na escenografía e vestiario, Marta Pazos como auxiliar de dirección, José Díaz na produción e Alfonso Castro como xefe técnico. Interviñeron ademais como adestradores Uxía Vaello e David Loira (preparación física), Marcos "Ptt" Carballido (preparación rítmica) e Nuria Gullón (preparación vocal).

DISCIPLINA ARTÍSTICA EMERXENTE

Desde finais do século XIX o circo tradicional entra nun proceso de dacadencia que o levou ata practicamente a súa desaparición a mediados do século XX. Nos anos 70 nace en Europa o chamado Nouveau Cirque, unha tendencia que transformou o circo tradicional introducindo propostas máis teatrais e incorporando elementos doutras disciplinas como a danza, a escenografía, o cine, a publicidade e a música.

Esta visión máis moderna do circo concédelle un protagonismo absoluto ás persoas, así como ao contido e ao trasfondo artístico. Segue a usar moitas técnicas e métodos orixinarios do circo clásico, a fascinación ou a parada final, pero o seu maior atractivo reside na capacidade de cautivar a novos públicos de todas as idades, que non acoden habitualmente aos teatros, ademais do fomento do acceso á cultura e da súa alta adaptabilidade a espazos non convencionais.

O xénero posúe hoxe en día unha demanda demostrada por parte do público e unha ampla implantación en comunidades españolas como Euskadi e Catalunya; e en países europeos como Franza.

Kamikaze representarase no Salón Teatro até o 17 de xuño. As funcións do xoves, venres e sábado son as 20:30, en tanto que a do domingo comezará ás 18:00 horas. As entradas para asistir ao espectáculo poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada función. O prezo das localidades é de 10 euros cun desconto do 40% para estudantes, maiores de 65 anos e titulares do carné xoven. O domingo, día do espectador, 5 euros.

Documentación