Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

MAÑÁ E O XOVES, ÚLTIMAS SESIÓNS DO PROGRAMA 'GRAN TEATRO PARA OS MÁIS PEQUENOS'

O espectáculo 'Animais de compañía' e o taller 'Soa igual a diferenza' pechan o noso ciclo infantil de Nadal

[02/01/2018] O ciclo Gran teatro para os máis pequenos do Salón Teatro de Santiago remata mañá e o xoves cunha nova oferta dobre que combina a posta en escena de Animais de compañía, de Teatro do Noroeste, cun taller de son para público infantil. Conclúe así a segunda edición deste programa especial, deseñado polo Centro Dramático Galego (CDG) para celebrar o Nadal na súa sede xunto aos espectadores máis novos, así como para facilitar a conciliación familiar durante as festas.

Animais de compañía

Mañá mércores 3 e o xoves 4, ás 19,00 h., terán lugar as representacións de Animais de compañía, proposta escrita e dirixida por Eduardo Alonso, recomendada para todos os públicos a partir dos 6 anos de idade. Trátase dunha comedia musical en forma de fábula, protagonizada por unha cadela e unha gata ás que lles dan vida Imma António e Manuela Varela, respectivamente.

Respecto á diversidade
Como nas fábulas clásicas, os dous animais toman características humanas para construír un proceso de aprendizaxe sobre valores éticos como a convivencia e o respecto á diversidade. Tratando en clave de comedia unha situación cotiá nunha casa dunha moza amante dos animais, a peza establece un paralelismo entre o que viven estas mascotas e o que acontece na sociedade actual.

A montaxe foi producida por Teatro do Noroeste con subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e conta no seu equipo artístico con Bernardo Martínez na composición musical, Equipo Taetro na escenografía e vestiario, Julia Méndez na coreografía e Eva Alonso na produción.

Ambas as funcións estarán precedidas do taller Soa igual a diferenza, impartido por Elea López desde as 17,00 h. Xunto cos anteriores obradoiros Moita tea que cortar e Mallo en decembro (combinados coas representacións de A casa do avó, por Tanxarina, e Ela, por Caramuxo Teatro, respectivamente), esta iniciativa busca achegarlles aos pequenos e pequenas diferentes aspectos do oficio teatral baixo o lema Saca o artista que levas dentro.

O CDG oferta 30 prazas para cada unha das sesións deste obradoiro, que serán adxudicadas por orde de reserva a través do teléfono 881 867 229. Os nenos e nenas poden participar sós no taller, en tanto que nas funcións é necesario que estean acompañados por un adulto.

A entrada para o obradoiro está incluída no bono especial de Nadal, mentres que a tarifa normal é de 5 euros por sesión. O pago farase desde media hora antes do seu comezo na billeteira do Salón Teatro, onde poderán mercarse tamén as entradas para Animais de compañía. Neste último caso, existe a posibilidade de adquirir un mínimo de tres billetes para unha mesma representación a un prezo familiar de 6 euros cada un, así como entradas individuais a 8 euros. Ademais, a venda anticipada está dispoñible na web entradas.abanca.com.

Carteleira de xaneiro
A programación de xaneiro continuará a partir do día 11 con outra proposta familiar: Réquiem por un monicreque, que Os Monicreques de Kukas porán en escena ata o día 14: o xoves 11 e o venres 12, en funcións escolares ás 11,00 h.; e para o público xeral, o venres 12 e o sábado 13, ás 20,30 h. e o domingo 14, ás 18,00 h.

A finais de mes será a quenda para a estrea en Santiago dunha nova coprodución do Centro Dramático Galego. Neste caso, trátase do novo espectáculo de ButacaZero: #camiños, escrito por Esther F. Carrodeguas e dirixido por Xavier Castiñeira. A xeración dos millennials e a súa relación coas raíces son o fío condutor deste espectáculo, que poderá verse en Santiago do xoves 25 ao domingo 28 de xaneiro, ademais de ofrecer pases matinais concertados con centros educativos do 24 ao 26.

Ligazóns