[27/12/2017] O Centro Dramático Galego (CDG) presentou hoxe as actividades que centran a súa temporada 2017-2018, coa estrea o 12 de abril da primeira versión en galego da obra de Valle-Inclán 'Divinas palabras', baixo a dirección de Xesús Ron, como fito principal do calendario. Ademais, a colaboración coas compañías privadas segue a ser prioritaria a través de catro coproducións e dos programas Dramaturxente e En Residencia, así como do resto da carteleira de exhibición do Salón Teatro, a súa sede en Santiago de Compostela.
Xunto con Román Rodríguez, participaron neste encontro informativo o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; a directora do CDG, Fefa Noia, e o propio Xesús Ron. A el foron convidados, así mesmo, os creadores involucrados no resto dos proxectos desta programación mais os representantes dos principais colectivos profesionais e formativos do sector escénico galego.
O conselleiro asegurou que, na que é a súa temporada número 34, o Centro Dramático Galego "reafírmase como piar da política teatral da Xunta" en tres liñas de traballo fundamentais: avanzar na profesionalización do teatro galego e en galego, testemuñar a súa evolución ‒formal e estética‒ e achegarllo aos espectadores como expresión artística de primeiro nivel, ao tempo que como opción de lecer.
Traxicomedia de aldea
Con estes mesmos obxectivos, aposta por seguir incorporando os textos de Ramón María del Valle-Inclán ao repertorio teatral no noso idioma unha vez liberados os dereitos sobre a súa obra. Así, tras a adaptación en 2017 de dúas das pezas de 'Martes de Carnaval' ('As galas do defunto' e 'A filla do capitán'), a compañía pública afronta agora a posta en escena de 'Divinas palabras', unha das obras cumio do gran autor arousán, que el mesmo subtitulou como ‘traxicomedia de aldea’ e que -como explicou o titular de Cultura- espertou a admiración de directores do talle de Ingmar Bergman ou Francisco Nieva. Ao tempo, coa produción de 'Divinas palabras' sáldase unha débeda pendente xa que, no momento da fundación da compañía institucional en 1984, non se puido levar a cabo ao non dispoñer dos dereitos para a súa tradución ao galego.
"Da mesma maneira que en 'Martes de Carnaval', este proxecto vertebrarase ao redor dunha proposta contemporánea para conectar co público de hoxe e lle outorgar nova vixencia ás palabras de Valle", continuou o conselleiro, quen anunciou que para este novo espectáculo contarase coa implicación artística de parte do equipo habitual do grupo Chévere, Premio Nacional de Teatro 2014 e "un dos referentes da nosa escena durante as tres últimas décadas".
Así, ademais da incorporación de Xesús Ron á relación de directores artísticos que traballaron para o Centro Dramático, Patricia de Lorenzo e Manuel Cortés serán os protagonistas desta proposta, encabezando un elenco do que tamén formarán parte outros sete intérpretes elixidos no proceso de selección que a compañía pública mantén aberto nestes momentos.
Román Rodríguez tamén subliñou que, ademais de na nosa Comunidade, a versión en galego de 'Divinas palabras' poderá verse no Teatro Español de Madrid durante 10 días do mes de maio.
Programación integradora e plural
Respecto ao resto das propostas que se desenvolverán durante esta temporada, gabou o esforzo da dirección do CDG por "levar adiante unha programación integradora e plural e a súa apertura de portas a colaborar e estreitar lazos co sector".
Neste sentido, reforza o seu programa de coproducións con catro montaxes xunto a outras tantas compañías galegas: '#camiños' (ButacaZero), escrita por Esther F. Carrodeguas e dirixida Xavier Castiñeira; o espectáculo de circo 'Arnoia, Arnoia' (Pistacatro), con dirección de Quico Cadaval a partir do texto de Xosé Luís Méndez Ferrín; a creación de Pablo Fidalgo 'Anarquismos', con implicación doutras entidades culturais da península; e a xa estreada 'Elisa e Marcela', de A Panadaría.
Na mesma liña de colaboración directa coa escena galega, a compañía pública avanza noutros dous programas claves. Dunha banda, ao abeiro de Dramaturxente -iniciativa para o apoio, fomento e promoción da dramaturxia galega contemporánea- porase en marcha o grupo de traballo DramaturXA, que será dirixido por Manuel Lourenzo e para o que se seleccionarán dez autores e autoras co fin de reflexionar sobre a identidade galega e de escribir cadansúa peza teatral. De entre todas elas, elixiranse tres para seren levadas a escena conxuntamente como nova produción propia do CDG. Teatrhoxe, Lanzadeira e o Taller de Dramaturxia son outras das novas propostas que botarán a andar esta temporada dentro deste programa.
Doutra banda, En Residencia continúa ofrecéndolles o Salón Teatro e a asistencia técnica do equipo do CDG a diferentes compañías galegas para ultimar ou perfeccionar as súas propostas, incluíndo as catro realizadas en coprodución. Polo seu escenario pasaron xa desde setembro Feira do Leste, Javier Martín, Anómico Teatro e Inversa Teatro e nos próximos meses farano Voadora con 'Garaxe' e A Feroz con 'Afterparty'.
Exhibición no Salón Teatro
O público pode gozar de todas elas dentro do programa de exhibición do Salón Teatro, que acollerá igualmente dous novos títulos do ciclo Teatro Ob-Sceno para propostas en pequeno formato que se desenvolven fóra do escenario ('Amor', de Helen Bertels, e 'Deixa de tocala, Sam', de Avelina Pérez), e as últimas achegas de Os Monicreques de Kukas, CAIR Compañía de Circo, Aporía Escénica e Xarope Tulú.
A actividade formativa e a edición de 'Divinas palabras' dentro da colección O papel do teatro completan esta programación.