[08/06/2007] A compañía Matarile Teatro porá en escena esta fin de semana no Salón Teatro de Santiago a súa última produción Truenos y misterios, despois da súa exitosa presentación no Festival Escena Contemporánea de Madrid. As dúas funcións desta nova proposta escénica intimista creada e dirixida por Ana Vallés terán lugar o sábado 9 ás 20:30 horas e o domingo 10 ás 18:00 horas.
Tomando o seu título dunha revista arxentina, o guión de Truenos y misterios inclúe textos de Thomas Bernhard e Harry G. Frankfurt. Trátase dunha obra que se sustenta nas personas máis que nos personaxes, na que a propia Ana Vallés xunto con Xoán Cejudo, Mauricio González, Pedro Pérez Bermúdez e Carlos Sarrió protagonizan un insólito encontro entre un científico, un mestriño de escola e actor, un bailarín e licoreiro, un profesor e o protagonista.
Como xa vén sendo habitual nas montaxes de Matarile, un dos grupos de teatro galegos máis premiados e con maior proxección exterior, compañía compostelana, a montaxe conta coa iluminación, escenografía, produción musical e deseño gráfico de Baltasar Patiño.
DESDE A BARREIRA
"Asomámonos a un balcón e aí abaixo -explica Vallés- eses seres que fomos, un desfile de datos non escritos (a pel non se escribe) aparentemente inservibles pero non esquecidos. Eliminado o decorado e extraídos do seu contexto (unha fábrica de coches, un ballet nacional, unha escola, un obradoiro de marionetas ou un laboratorio de universidade), trasladados a un escenario e vistos agora desde a barreira, disecados ante o patio de butacas, estes personaxes non son máis ca produtos abraiados de algo (chamémoslle historia, cultura, familia, tempo) que non puideron ou non souberon controlar. E que se lles foi das mans!", determina a tamén directora de Illa reunión (Centro Dramático Galego, 2006) para referirse a este novo espectáculo.
Desde 1986 Matarile Teatro desenvolve unha linguaxe propia, un teatro non baseado no texto literario que funde distintas linguaxes escénicas. Un teatro que se aparta dos personaxes para reflectir as persoas que somos e a vida que vivimos, un teatro da suxestión que comunica directamente co espectador por medio do movemento, a palabra, a ironía, a música, o humor e a complicidade. Deste aquela, a compañía galega puxo en escena máis dunha vintena de obras, numerosas performances e colaborou con outras compañías. Ademais, presentou os seus espectáculos en Francia, Portugal, USA, Inglaterra, Iugoslavia, Italia e Alemaña.
Entre os premios recibidos polas súas montaxes encóntranse o Premio do Público na Feira do Teatro de Galicia 2005 ao Mellor Espectáculo, Premio ao Espectáculo máis Orixinal e Innovador do XI Festival Internacional de Teatro e Artes de Rúa de Valladolid ou o Premio María Casares á Mellor Dirección do Teatro Galego.
As entradas para as representacións de Truenos y misterios poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro o sábado e o domingo desde dúas horas antes do comezo do espectáculo. O prezo das localidades é de 10 € para o sábado, cun desconto do 40% para estudantes, usuarios de carné xoven e maiores de 65 anos, e de 5 € para o domingo, día do espectador.