Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

IMPARTIDO POR EMILIO GOYANES DO 4 AO 6 DE DECEMBRO

O CDG colabora con Pistacatro na organización en Santiago do curso 'Na corda frouxa'

[07/11/2017] Na corda frouxa é o título do curso sobre fundamentos de teatro aplicados aos espectáculos de circo, que o especialista en clown e teatro físico Emilio Goyanes impartirá no Salón Teatro de Santiago do 4 ao 6 de decembro. O Centro Dramático Galego colabora na celebración na súa sede deste taller, organizado por Pistacatro e que conta tamén co apoio do Instituto Nacional de Artes Escénicas e da Música (INAEM).

Emilio Goyanes por Curro Medina

Destinado a profesionais das artes escénicas, especialmente para aqueles con experiencia previa no ámbito circense ou estudantes de circo, o encontro conta con 15 prazas, que serán adxudicadas por orde de inscrición. A recepción de solicitudes manterase aberta ata o 20 de novembro, seguindo as instrucións que poden consultarse no apartado de formación deste web.

O teatro como punto de partida
O programa de Na corda frouxa sitúa o teatro no centro do proceso de mestura de disciplinas escénicas cara á xeración de novas linguaxes, partindo da base de que a verdadeira multidisciplinariedade debe darse no propio artista a partir da súa experiencia profesional nos diferentes ámbitos e xéneros. Neste sentido, o teatro preséntase como unha porta de acceso para acadar unha visión máis global do feito escénico e comprender mellor os principios que rexen as súas propias técnicas.

A procura da intelixencia común, a espontaneidade unida á disciplina, a composición consciente do espazo, o uso das imaxes como fonte das emocións e a biomecánica como límite e fonte de liberdade son algúns dos contidos que se abordarán durante estas tres xornadas de formación.

Actor, autor, director, produtor e pedagogo, Emilio Goyanes iniciou a súa actividade profesional en 1983 e, desde entón, ten participado en 57 espectáculos. Ademais da súa traxectoria artística nas compañías Cambaleo e Laviebel, que fundou en 1982 e 1992, respectivamente, desenvolve unha intensa actividade formativa para profesionais do circo, do teatro e da danza.

Goyanes foi recoñecido en 2011 como mellor director de teatro musical nos Premios de Teatro Musical de Madrid e foi finalista en 2009 na categoría de mellor director dos Premios ADE. Con Laviebel obtivo, entre outros, os premios Max a mellor espectáculo musical por Cabaret líquido en 2009 e á mellor dirección musical por La barraca del zurdo en 2011.

Imaxe: Emilio Goyanes, por Curro Medina. Fonte: Web de Laviebel

Ligazóns