Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A COMPAÑÍA PÚBLICA COPRODUCE CON A PANADARÍA E IMPLÍCASE NOS PROCESOS DE MONTAXE DE FEIRA DO LESTE, JAVIER MARTÍN E ANÓMICO TEATRO

O CDG retoma a actividade no Salón Teatro coa creación de 'Elisa e Marcela' e doutros catro espectáculos galegos

[13/09/2017] O Salón Teatro de Santiago retoma a súa actividade para a temporada 2017-2018 co novo programa de residencias do Centro Dramático Galego (CDG), no que participan ata finais de outubro catro compañías galegas para a montaxe de cinco espectáculos. O proceso de creación de Elisa e Marcela, a cargo de A Panadaría en coprodución co CDG, é o primeiro en ocupar o escenario sede da compañía pública. Seguiranlle Feira do Leste con O exilio das moscas e Tras Tannhäuser, Javier Martín con O estado cru e Anómico Teatro con Chuvia.

Equipo de A Panadaría

Deste xeito, os medios técnicos e artísticos do Salón Teatro incorpóranse á montaxe de distintos proxectos cun tempo de duración variable, dándolle resposta ás solicitudes das compañías e como xeito de prestar apoio ás principais necesidades de cada espectáculo en canto a escenografía, iluminación, son, atrezzo, vestiario ou mesmo xestión. En paralelo, aténdese tamén á demanda de colaboración para a posta en escena de pezas froito das novas dramaturxias galegas e da escrita de autoras e autores no marco do programa continuo ‘Dramaturxente’, que tamén desenvolve o CDG. Cada unha destas residencias, coas que se abre a temporada escénica 2017-2018, culminará cunha serie de representacións públicas.

Voda homosexual en 1901
Elisa e Marcela recrea a voda entre dúas mulleres que tivo lugar en 1901 na Coruña, que pasa por ser o primeiro casamento homosexual en España. A partir deste suceso histórico documentado, as tres actrices que integran A Panadaría (Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman) baixo a dirección de Gena Baamonde están a construír o seu espectáculo a partir da dramaturxia na que tamén participa Esther F. Carrodeguas. Estará en residencia no Salón Teatro ata o 24 de setembro, estrearase na Coruña o 14 de outubro e volverá con representacións a Compostela do 26 ao 29 de outubro.

Pola súa banda, a compañía viguesa Feira do Leste ensaiará dúas producións, ambas con dirección de César No e dramaturxia de Ernesto Is, a partir do 25 de setembro na sede do CDG: O exilio das moscas, que se exhibirá diante dos espectadores os días 28 e 29 de setembro, e Tras Tannhäuser, con funcións o 30 de setembro e mais o 1 de outubro.

Ao día seguinte, 2 de outubro, o espazo do número 34 da rúa Nova acollerá o bailarín Javier Martín e distintas actividades arredor do seu proxecto O estado cru. As funcións serán o 6 e o 7 de outubro e haberá encontros co público ao remate das mesmas. Previamente, o 4 de outubro o creador impartirá o seminario ‘Corpo e vibración’ e ofrecerá a conversa titulada ‘Repertorio e improvisación’, na que estará acompañado por Antón Lopo.

Anómico Teatro será o protagonista da última entrega desta serie de residencias. O colectivo vigués que dirixe Julio Fernández Peláez entrará na sede do CDG o 10 de outubro para unha residencia cara ás representacións de Chuvia do 20 ao 22 de outubro. O espectáculo conta coa interpretación a cargo de Alberto Rolán, Roberto Leal e Manu Dosouto.