Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A SÚA XIRA GALEGA AMPLÍASE CON OITO NOVAS CITAS

O CCG presenta "Vacuo" no Festival El Tableteo de la Cigüeña de Léon

[07/06/2007] Vacuo, a peza inaugural do Centro Coreográfico Galego (CCG) creada e dirixida por Maruxa Salas, representarase na cidade de León mañá día 8 de xuño dentro do festival de danza El Tableteo de la Cigüeña, ampliando deste xeito a xira que está a desenvolver dende xaneiro por diferentes escenarios dentro e fóra de Galiza. Neste mes de xuño, a primeira coreografía da nova unidade de produción de danza da Consellaría de Cultura terá, ademais, outras seis citas co público galego: Oleiros (día 10), Vilalba (día 16), San Sadurniño (día 17), As Pontes (día 22), Monforte de Lemos (día 23) e Viveiro (día 29). Xa en xullo, actuará na Estrada (día 1) e no Festival de Ortigueira (día 6).

Vacuo

No festival leonés, que celebra a súa segunda edición dende o pasado día 2, o CCG comparte cartel con outras oito compañías de diferentes estilos, como é o caso de La Fura dels Baus co seu espectáculo Imperium. O recinto industrial da antiga azucreira Santa Elvira, espazo principal desta programación, será tamén o escenario para a representación de Vacuo, que dará comezo ás 22.00 h.

As seguintes funcións do espectáculo terán lugar no Auditorio Gabriel García Márquez de Oleiros (domingo 10, ás 20.30 h.), Auditorio Municipal Carmen Estévez Eguiagaray de Vilalba (sábado 16, ás 20.30 h.), Centro Sociocultural de San Sadurniño (domingo 17, ás 19.30 h.), Teatro Cine Alovi das Pontes (venres 22, ás 21.00 h.), Edificio Multiusos de Monforte (sábado 23, ás 21.00 h.) e Teatro Pastor Díaz de Viveiro (venres 29, ás 21.30 h.)

FESTIVAL DE ORTIGUEIRA

Ademais, o Centro Coreográfico Galego actuará no Teatro Principal da Estrada o 1 de xullo, ás 21.00 horas, e participará na vindeira edición do Festival de Ortigueira, onde no serán do 6 de xullo protagonizará unha performance a partir de Vacuo. Completarase así un amplo período de distribución durante o que se ofreceron unha trintena de funcións desta peza, que está a obter unha gran resposta por parte do público, ademais de servir de carta de presentación do CCG en destacados encontros coreográficos como o Mov-s de Barcelona ou Dansa València.

Vacuo, que se estreou o pasado 6 de xaneiro no Teatro Rosalía Castro da Coruña, conta con música de Berrogüetto, espazo escénico e iluminación de Baltasar Patiño, vestiario de Ruth Días e pezas audiovisuais de Adriana Domínguez. A peza constrúese a través de catro fragmentos nos que, a través dunha metáfora que relaciona os bosques coas almas humanas, se compara a degradación da natureza co esquecemento de determinados valores na sociedade actual.