[26/07/2017] O Salón Teatro de Santiago de Compostela, sede do Centro Dramático Galego (CDG), acolle ata o vindeiro 28 de xullo o taller titulado A través do aire, a cargo do creador e bailarín Daniel Abreu e centrado no adestramento físico específico para actores e actrices.
O curso, como xa ocorreu a pasada semana co taller A emoción no corpo, dirixido polo madrileño David Luque, esgotou as 25 prazas destinadas a profesionais da escena ou con formación actoral previa, e dálle tamén cabida, en calidade de oíntes, a estudantes e afeccionados de todos os ámbitos das artes escénicas.
A través das técnicas impartidas por Abreu, os asistentes teñen a oportunidade de adquirir un maior coñecemento dos seus corpos, as súas posibilidades e os seus límites. O tinerfeño complementa as súas indicacións con xogos, dinámicas de grupo e secuencias coreográficas, ademais de usar elementos de improvisación. O traballo enfócase non só desde a técnica, senón tamén desde a expresividade e a compoñente psicolóxica, de xeito que os coñecementos adquiridos polos participantes poidan ser empregados enriba do escenario.
[strongRecoñecido e premiado[/strong
Daniel Abreu é Premio Nacional de Danza 2014, na categoría de Creación. Licenciado en Psicoloxía, en 2004 funda en Madrid a súa compañía teatral, na que elabora numerosos traballos coreográficos que foron representados en diversos festivais, tanto nacionais como internacionais. Ademais, colaborou con moitas compañías e con outros creadores e exerceu de docente en centros formativos teatrais en América, Asia e Europa.
Con esta iniciativa formativa, a compañía teatral pública remata a súa temporada 2016-2017. A actividade retomarase en setembro coa residencia da compañía A panadaría para a montaxe de Elisa e Marcela, espectáculo que será coproducido polo Centro Dramático Galego.