[06/06/2017] O creador escénico pontevedrés Borja Fernández instalarase esta semana no Salón Teatro de Santiago para levar a cabo tres funcións de Salvador, espectáculo no que achega a súa visión da emigración a través dun labor de creación persoal e de investigación.
A peza será representada desde o xoves 8 ata o sábado 10 de xuño, ás 21,00 h., na sede do Centro Dramático Galego (CDG), co que volve deste xeito a un dos escenarios nos que se deseñou, xa que nese mesmo espazo desenvolveu unha residencia en decembro de 2016.
Salvador está centrada na figura dos avós galegos emigrados a mediados do século pasado cara a América e no grande impacto que tivo este tipo de migracións na actual configuración das familias e das comunidades, así como dos propios individuos. Para a posta en marcha do proxecto, Fernández levou a cabo un proceso de investigación de dous anos sobre a emigración a Brasil, centrada na misteriosa figura de Benito Fernandes Meirinho.
Música en directo e novas tecnoloxías
A partir desa pescuda, co apoio do grupo de Chévere e do colectivo A Berberecheira, e despois das residencias desenvolvidas, ademais de no CDG, nos espazos Luna Lunera e La Movida, en Belo Horizonte (Brasil), o resultado escénico acadado atópase a medio camiño entre o documental e a ficción teatral, combinando música en directo, movemento, texto e novas tecnoloxías.
Para isto contou coa colaboración de Diego Anido na asistencia de dirección e na dramaturxia, de Manolo Cortés na escrita, de Laura Iturralde nos efectos audiovisuais e na iluminación, e de Uxía Vaello no vestiario.
Salvador, que foi estreada a pasada semana no Teatro Ensalle de Vigo, terá no Salón Teatro a súa segunda parada diante do público. As entradas para as representacións en Santiago teñen un prezo de 10 euros, cos descontos habituais do 40% para determinados colectivos sociais e profesionais. A venda anticipada está xa operativa no web entradas.abanca.com e no despacho de billetes do Salón Teatro, os días das funcións desde as 19,00 horas.
Tralas representacións de Salvador, o Salón Teatro será a sede principal de Galicia Escena PRO, o mercado de artes escénicas que cada ano organiza a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e que celebrará a súa quinta edición do 12 ao 15 de xuño.