Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

COPRODUCEN ESTA APROXIMACIÓN ESCÉNICA Á COÑECIDA OBRA DE CARLOS CASARES, QUE PODERÁ VERSE NO SALÓN TEATRO DESDE MAÑÁ E ATA O XOVES, ÁS 20,30 H.

O CDG e Talía Teatro celebran o Día das Letras Galegas coa estrea en Santiago de 'Os mortos daquel verán'

[15/05/2017] O Centro Dramático Galego (CDG) celebra o Día das Letras Galegas no Salón Teatro de Santiago levando ás táboas a novela de Carlos Casares Os mortos daquel verán, nunha aproximación escénica que coproduce coa compañía Talía Teatro. A versión deste coñecido texto do autor homenaxeado o 17 de maio estréase mañá, ás 20,30 horas, na sede do CDG, onde tamén poderá verse o mércores e o xoves á mesma hora.

Os mortos daquel verán cartel

Ademais destas tres funcións para público xeral, Os mortos daquel verán representarase para escolares de Compostela e comarca mañá e o xoves en pases matinais programados para as 11,00 horas.

Artur Trillo dirixe esta proposta, ademais de formar parte do seu elenco xunto a Toño Casais, María Ordóñez, Dani Trillo, Diego Rey, Rubén Prieto, Marta Ríos e Xurxo Barcala. Os oito danlle vida á rica galería de personaxes ideados por Carlos Casares nesta novela curta sobre a descuberta do cadáver de Modesto Vilariño Dacal, o boticario dunha pequena vila galega, no inicio da Guerra Civil.

A partir deste suceso e da investigación para determinar se se trata dun accidente ou dun asasinato, desvélase o clima de enfrontamento que se respira desde hai anos neste pobo. Dunha banda, sitúanse as forzas progresistas, representadas polo propio boticario e por un sindicalista ao que se busca en relación co caso, e doutra, as reaccionarias, encabezadas polo propietario da fábrica local e polo cura da parroquia.

Publicada hai 30 anos
Así, o pulo para acadar a verdade e a crítica do dogmatismo e das diversas formas de violencia opresora son as forzas que inspiran esta obra, publicada en 1987 por Galaxia e da que a crítica destacou a súa linguaxe innovadora e a extraordinaria solvencia narrativa. Nela identifícanse, ademais, moitos dos temas que conforman o universo literario de Casares.

Para esta aproximación escénica, que foi presentada o pasado venres no Auditorio Municipal de Ourense, Talía Teatro e o CDG contan coa escenografía e iluminación de Dani Trillo, o vestiario de Martina Cambeiro e a música de Fernando Fraga.

As entradas para as súas tres funcións xerais en Santiago poden adquirirse a través da web de Entradas Abanca e do teléfono 902 434 443, ademais de poñerse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada representación. O seu prezo xeral é de 7 euros e de 5 euros no caso de estudantes, persoas xubiladas, maiores de 65 anos ou desempregadas, titulares do carné xove, familias numerosas, grupos a partir de 10 persoas e determinados colectivos profesionais.

Ligazóns