Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O ESCENARIO DO CDG PROGRAMA A PARTIR DE MAÑÁ E ATA O DOMINGO ESTA MONTAXE QUE COMBINA HUMOR, DEMENCIA, TEATRO FÍSICO E VENTRILOQUÍA

O Salón Teatro acolle o espectáculo 'Symon Pédícrí', do creador compostelán Diego Anido

[04/05/2017] O creador compostelán Diego Anido ocupará esta fin de semana o Salón Teatro de Santiago de Compostela, onde representará o espectáculo Symon Pédícrí. A primeira función levarase a cabo mañá ás 20,30 h. e haberá outros dous pases o sábado 6, á mesma hora, e o domingo 7, ás 18,00 h., como parte da programación de temporada do Centro Dramático Galego (CDG).

Na imaxe, Diego Anido

Estas serán as últimas representacións deste espectáculo, asinado por Anido xunto con Jorge Acebo e Pablo Rosal para compoñer unha proposta que mestura teatro físico, humor e ventriloquia, como é habitual nas súas creacións.

O equipo xa estiveran en febreiro de 2013 na sede do CDG, cando desenvolveu un período de residencia e mostrou un avance do proceso de creación de Symon Pédícrí no que se puxo en escena o núcleo do espectáculo ata o momento no que se atopaba, daquela, a produción.

Versión final
Agora, máis de catro anos despois e tras acadar o apoio de distintos festivais de novas tendencias e a colaboración de El Graner Fábrica de Creación ou do Mercat de les Flors de Barcelona, a compañía presenta a obra totalmente rematada.

A historia está inspirada na biografía de Symon Pédícrí II, un cirurxián autodidacta de gran talento que nace nove meses, nove días e 16 horas despois do pasamento de Symon Pédícrí I, o irmán homónimo que quedará no seu subconsciente toda a súa vida. Sabedor de que o seu alter ego tivo que morrer para que os seus pais o concibisen, chegou a aplicar o legado científico dos Pédícrí, antigos criadores de cabalos, sobre o seu propio corpo.

Volta aos camerinos
Ademais de Symon Pédícrí, e logo do éxito a pasada fin de semana do espectáculo de Teatro en Punto Unha rosa entre as pernas nos camerinos do Salón Teatro, os protagonistas desta última peza, Xosé Luís Bernal ‘Farruco’ e Roberto Leal, volven actuar para todos aqueles que non puideron ocupar unha das únicas 15 cadeiras dispostas para o público en cada sesión. Serán outras tres funcións: venres, sábado e domingo ás 19,30 h.

As localidades para Symon Pédícrí están á venda no despacho billetes do Salón Teatro (aberto desde as 18,30 h.) ao prezo de 10 euros para venres e sábado (cos descontos habituais) e de 6 euros para o domingo, Día do Espectador. Tamén se poden mercar na billeteira electrónica abanca.com.

No caso de Unha rosa entre as pernas aplícase o prezo único de 3 euros e as entradas só poden adquirirse de xeito presencial.

Ligazóns