[24/04/2017] O espectáculo do Centro Dramático Galego Martes de Carnaval, de Valle-Inclán, remata esta semana a súa primeira quenda de representacións no Salón Teatro de Santiago con catro pases matinais. Estas funcións, programadas desde hoxe e ata o xoves 27 ás 10.30 horas, forman parte da campaña escolar que desenvolve a compañía pública para alumnado de máis de 16 anos de idade e para a que xa está confirmada a participación de seis centros educativos.
Os estudantes do IES de Arzúa foron esta mañá os primeiros en asistir ao espectáculo, dirixido por Marta Pazos e integrado polas primeiras versións en galego das pezas As galas do defunto e A filla do capitán. Ata o xoves, o patio de butacas do Salón Teatro recibirá tamén diferentes grupos do IES Monterroso, CPR O Raio Verde de Santiago, IES do Milladoiro (Ames), IES García Barros da Estrada e IES Cacheiras de Teo.
Estes pases matinais ábrense tamén ao público xeral, que pode acceder ao Salón Teatro, en función das prazas dispoñibles, a un prezo especial de 3 euros. As entradas están á venda no despacho de billetes desde as 9.30 horas.
Colaboración con Gálix
Como nas anteriores producións, o CDG conta coa colaboración da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix) para a realización do caderno pedagóxico do espectáculo, que se lle facilita ao profesorado como ferramenta de apoio para o traballo na clase antes e despois de asistir á representación. Mª Jesús Madera Seoane e Mª Teresa Leis Rey asinan esta completa guía, de 80 páxinas, que lle dedica unha primeira parte aos principais aspectos biográficos e bibliográficos de Ramón María del Valle-Inclán.
A continuación, a publicación céntrase na súa triloxía Martes de Carnaval e, en especial, nas dúas obras que compoñen o espectáculo do Centro Dramático Galego: As galas do defunto e A filla do capitán, que se contextualizan histórica e literariamente. A última parte do caderno pedagóxico ofrécelles a profesores e alumnos as principais claves para achegarse á montaxe da man da directora Marta Pazos e dunha parte do seu equipo artístico, entre o que se atopan os 10 actores e actrices que lle dan vida aos máis de 30 personaxes ideados polo gran autor arousán.
Xira
Martes de Carnaval estreouse o pasado xoves no Salón Teatro e, tras as catro funcións matinais desta semana, emprenderá unha xira por Tui (5 de maio no Teatro Municipal), O Barco de Valdeorras (12 de maio no Teatro Municipal Lauro Olmo), Ourense (19 e 20 de maio no Teatro Principal), A Coruña (2 e 3 de xuño no Teatro Rosalía Castro), Rianxo (9 de xuño no Auditorio Municipal), Valencia (11 de xuño no Teatre Principal, dentro de Festival Tercera Setmana), Pontevedra (15 de xuño no Auditorio Afundación) e Vigo (22 de xuño no Teatro Afundación).
O espectáculo regresará á sede do CDG en Santiago de Compostela o 28 de xuño para unha segunda quenda de representacións, que se estenderá ata o 16 de xullo.