[15/04/2017] O Centro Dramático Galego (CDG) ultima os ensaios de Martes de Carnaval, a nova produción que a compañía teatral da Xunta de Galicia estrea o vindeiro xoves 20 na súa sede do Salón Teatro de Santiago. Será a primeira vez que se poñan en escena en galego os esperpentos de Valle-Inclán As galas do defunto e A filla do capitán, as dúas pezas do espectáculo, dirixido por Marta Pazos (na imaxe), cun elenco de 10 intérpretes e un equipo artístico de 13 recoñecidos profesionais de toda a Península.
A representación galega no devandito equipo -que traballa man a man co cadro técnico do CDG- corre a cargo de Rut Balvís no traballo de movemento, Uxía Vaello no deseño de vestiario, Esther Quintas Salgado na caracterización, Manuel Cortes na tradución de Valle-Inclán ao galego, Rosa Moledo na asesoría lingüística, Gena Baamonde na asistencia de dirección, José Faro ‘Coti’ na asistencia de escenografía e iluminación, María Villas na asistencia de vestiario e José Díaz na asistencia de produción. Este último asina tamén a música orixinal de Martes de Carnaval xunto co portugués establecido en Galicia Hugo Torres, quen se fixo cargo así mesmo da asesoría de dramaturxia.
Desde Portugal, contribúen a esta posta en escena Fernando Ribeiro no deseño da escenografía e José Álvaro Correia, no da iluminación. Ambos contan cunha destacada traxectoria nos seu país, asinando traballos para prestixiosas compañías, como o Teatro Nacional São João do Porto. Pola súa banda, Ernesto Arias, vinculado ao Teatro de la Abadía de Madrid desde a súa fundación, é o encargado do traballo de palabra desenvolvido xunto ao elenco de Martes de Carnaval.
Incorporación ao repertorio en galego
O equipo participará na presentación da montaxe aos medios de comunicación o vindeiro martes 18 no Café Bar Derby de Santiago, un dos lugares frecuentados por Valle-Inclán durante a súa estadía en Compostela. Con esta produción, o CDG contribúe á incorporación do gran autor arousán ao repertorio teatral en galego no ano en que quedaron liberados os dereitos da súa obra. As actrices Iria Azevedo, Mercedes Castro, Anabell Gago e María Roja, e os actores César Cambeiro, Miquel Insua, Alejandro Jato, Pablo Rivero Madriñán, Machi Salgado e Sergio Zearreta interpretan este espectáculo, dando vida aos máis de 30 personaxes que suman as pezas As galas do defunto e A filla do capitán.
Tras as súas primeiras funcións en Compostela -do 20 ao 23 de abril para público xeral e do 24 ao 27, matinais para escolares-, o espectáculo viaxará a Tui, O Barco de Valdeorras, Ourense, A Coruña, Rianxo, Valencia, Pontevedra e Vigo, para regresar ao Salón Teatro de Santiago do 28 de xuño ao 16 de xullo.