Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

SERÁ IMPARTIDA O 14 DE MARZO NO SALÓN TEATRO

O CDG e a ESAD programan unha conferencia sobre os usos actuais da tremoia propia do teatro barroco

[07/03/2017] O profesor belga Jerôme Maeckelbergh impartirá o vindeiro 14 de marzo no salón Teatro de Santiago de Compostela a conferencia titulada ‘A tremoia escenográfica no teatro barroco’, unha iniciativa formativa promovida pola Escola de Arte Dramática (ESAD) de Galicia en colaboración co Centro Dramático Galego (CDG).

O profesor coa súa maqueta

Maeckelbergh, recoñecido experto internacional na divulgación patrimonial da utilización histórica desta maquinaria, utilizada sobre todo no século XVII, defende o seu potencial para o seu uso en producións contemporáneas, deixando á imaxinación do escenógrafo/a as súas posibilidades de adaptación ás escenografías actuais. Así, ademais dunha revalorización desta técnica histórica no uso teatral contemporáneo, a conferencia tamén pretende ser un chamamento para os deseñadores, estudantes, profesionais e amantes do teatro en xeral, abrindo novas posibilidades á caixa escénica.

Maqueta a escala
O profesor Maeckelbergh visitará Galicia para a difusión dos seus coñecementos e da súa teoría, a partir da súa presentación por vez primeira nun congreso mundial en 2014, no que se axudou dunha maqueta a escala 1/10 da reprodución en miniatura de todas as trucaxes escénicas.

Despois de terse impartido en diferentes foros de países como Suecia, Copenhague, EE.UU, Gales, Austria, Lituania ou Francia, a conferencia ofrécese por primeira vez no noso país con dúas datas programadas: o 13 de marzo en Vigo e o 14 de marzo en Santiago, esta última dentro do programa formativo do Centro Dramático Galego.

A sesión terá lugar en inglés con tradución consecutiva a cargo de Eufrasio Lucena-Muñoz, deseñador de escenografía e iluminación titulado pola Facultade de Teatro de Praga e pola ESAD. Desenvolverase na sala da biblioteca do Salón Teatro a partir das 19.30 horas e o acceso será libre ata completar a capacidade da sala.

Jerôme Maeckelbergh
Deseñou a escenografía de máis de 50 producións para teatro e xénero musical. Tamén realizou a utilería, as máscaras e o traballo escultórico doutras tantas. É membro de OISTAT (Organización Internacional de Escenógrafos, Arquitectos e Técnicos de Teatro) e dinamizador do proxecto ‘Theatre Words’ que recolle, a modo de dicionario, os termos técnicos do mundo do teatro máis comúns en diferentes linguas.

A súa especialización no ámbito da tecnoloxía escénica foi a partir de 2012, cando recibiu a noticia de que o teatro Bourla (Bourlaschouwburg) de Amberes ía ser desmantelado. Este espazo está considerado como o teatro municipal máis grande de Europa, que conserva a súa maquinaria histórica. Nese momento, organiza unha serie de conferencias internacionais para sensibilizar ao público, o que o leva a recibir a distinción de Europa Nostra en 2014 pola conservación do patrimonio histórico europeo.