Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A SEDE DO CDG ACOLLE AS PROPOSTAS DE BERROBAMBÁN, PÉREZ & FERNÁNDEZ E ELEFANTE ELEGANTE MAIS OBRADOIROS DE LUZ, MONICREQUES E SON

Espectáculos e talleres na programación de Nadal co ciclo 'Gran teatro para os máis pequenos'

[19/12/2016] ‘Gran teatro para os máis pequenos’ é o título do ciclo co que o Centro Dramático Galego celebrará o Nadal xunto ao público infantil na súa sede do Salón Teatro de Santiago. Pensando nos espectadores máis novos, a compañía pública deseñou un programa que combina tres espectáculos das compañías Berrobambán, Pérez & Fernández e Elefante Elegante xunto a outros tantos talleres que buscan achegarlles aos nenos e nenas diferentes aspectos do oficio teatral baixo o lema ‘Saca o artista que levas dentro’.

Presentación do ciclo 'Gran teatro para os máis pequenos'

Esta programación arrancará o xoves 22 e venres 23 de decembro coa montaxe ‘Xurdefet’, de Berrobambán, mais un obradoiro sobre luz e iluminación. Na súa nova proposta, a compañía compostelá parte de textos do poeta francés Jacques Prévert para construír unha historia sobre as lembranzas da infancia dunha muller que, como os animais, non quería medrar nunha gaiola.

Chiqui Pereira dirixe e interpreta este espectáculo xunto a Paula Carballeira e Nuria Sanz. As funcións no Salón Teatro darán comezo ás 19.00 horas, mentres que o Taller da Luz terá lugar eses días, ás 17.00 horas.

Actores e monicreques
Nos mesmos horarios desenvolverase a proposta preparada para a última semana do ano: ‘O poder de Amabel’, de Pérez & Fernández, mais o Taller de Monicreques. Xosé Leis e Victoria Pérez dirixen este espectáculo a partir do libro de Érica Esmoris, que interpretan sobre as táboas a propia Victoria Pérez e Manu Fernández. Trátase dunha peza de actores e monicreques sobre unha pequena cunha familia na que todos os seus membros teñen algún superpoder. Para descubrir cal é o seu, embárcase nunha serie de aventuras xunto ao seu amigo Braulio.

Xa en xaneiro será a quenda de ‘A danza da choiva’, de Elefante Elegante, e do Taller do Son. Neste caso as funcións terán lugar o día 7 ás 19.00 horas e o día 8 ás 18.00 horas, mentres que o obradoiro desenvolverase o 7 ás 17.00 horas e o 8 ás 16.00 horas. Elefante Elegante combina teatro xestual, danza e manipulación de obxectos e monicreques neste espectáculo sen palabras que se pregunta que acontecería se de súpeto deixase de chover para sempre.

Prazas e reservas
Coa finalidade de facilitar a conciliación familiar durante as festas, o Centro Dramático Galego oferta 30 prazas para cada unha das dúas sesións dos talleres de luz, monicreques e son, que serán adxudicadas por orde de reserva a través do teléfono 881 867 229 en horario de 9.00 a 14.00 horas, de luns a venres (agás festivos). Os nenos e nenas poden participar sós nestes obradoiros, en tanto que nas funcións é necesario que estean acompañados por un adulto. Durante estes cursiños, impartidos por Elea López, obterán unha perspectiva diferente sobre os espectáculos que verán despois, ao tempo que coñecerán como funciona o teatro por dentro.

A entrada aos talleres está incluída no bono especial de Nadal, que abrangue tamén catro entradas para calquera dos espectáculos ofertados por un prezo total de 24 euros. Ademais, existe a posibilidade de adquirir tres entradas para un mesmo espectáculo a prezo familiar (18 euros), así como billetes individuais a 8 euros.

Fóra do bono, a tarifa dos obradoiros é de 5 euros cada un e o pago farase desde media hora antes do comezo dos mesmos na billeteira do Salón Teatro, onde poderán mercarse tamén os bonos e entradas. A venda anticipada xa está dispoñible na web entradas.abanca.com.

Ligazóns