Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O PAZO DA CULTURA DE PONTEVEDRA RECIBE O CENTRO COREOGRÁFICO GALEGO ESTE SÁBADO 26, ÁS 21.00 HORAS

Recta final da xira de 2016 de 'As catro estacións'

[24/11/2016] O Centro Coreográfico Galego (CCG) entra na recta final da xira que está a levar a cabo en 2016 con ‘As catro estacións’, a súa última produción propia, que representará este sábado 26, ás 21.00 horas, no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra. A través das coreografías creadas especificamente por Iker Gómez e Kenneth Tindall, neste espectáculo a compañía pública achégalle ao público a súa recreación en clave contemporánea da famosa composición clásica de Antonio Vivaldi.

As catro estacións

A responsable do Centro Coreográfico, Mercedes Suárez, asumiu tamén a dirección desta montaxe, coa que se busca continuar a difundir a danza entre o gran público. Neste caso, establécese un paralelismo coa paisaxe galega a través das coreografías contemporáneas e do onirismo das imaxes que se proxectan no escenario.

Elenco
As bailarinas Ailén Ramos, Inés Vieites, Elena Roses e Raquel Santacruz, e os bailaríns Juan Miguel Hernández, Víctor Molina, Pastor R. Feal e Pablo Aradillas conforman o elenco seleccionado a través dunha convocatoria pública de audicións. O corpo de baile preparou este espectáculo xunto aos creadores das catro coreografías que o integran: o director e videocreador vasco Iker Gómez, colaborador habitual no programa formativo do CCG e titular da súa propia compañía de danza; e mais o británico Kenneth Tindall, un dos valores emerxentes na creación coreográfica internacional, como demostra a súa recente designación nos Dance Awards Critics Circle.

Gómez asina as variacións de ‘Primavera’ e ‘Inverno’, en tanto que Tindall asumiu as de ‘Verán’ e ‘Outono’. Outros membros do equipo artístico son Christelle Horna como repetidora, Alberto Casas no deseño de luces, Antonio Cid no vídeo e Manuel Lemos no deseño e fotografía. Tanto o son do espectáculo como a produción e a realización do vestiario foron levadas a cabo polo persoal propio do Centro Coreográfico Galego.

Últimas funcións en Santiago
Estreado o pasado mes de setembro en Vigo, Pontevedra será a penúltima parada na xira de 2016 de ‘As catro estacións’, que mañá mesmo se representará tamén no Teatro Municipal Lauro Olmo do Barco de Valdeorras. A continuación, viaxará a Santiago de Compostela para ofrecer as súas tres últimas funcións do ano no Salón Teatro do 1 ao 3 de decembro.

As entradas para a representación no Pazo da Cultura poden adquirirse na billeteira electrónica de Ataquilla.com, así como no despacho de billetes o propio sábado desde as 19.00 horas. ‘As catro estacións’ insírese no programa ‘Summun’, a través do que o espazo pontevedrés ofrece unha selección de espectáculos de relevancia no panorama escénico estatal. Ademais, forma parte da súa oferta ‘Black Friday’, que implica un 25% de desconto nas entradas para todas as funcións desta fin de semana.

Ligazóns