[17/11/2016] O Auditorio Municipal de Ourense acollerá este sábado 19 de novembro, ás 20.30 horas, a representación de 'As catro estacións’, produción do Centro Coreográfico Galego que, desde a danza, lle achega ao público unha ollada contemporánea desta coñecida composición clásica asinada por Antonio Vivaldi.
A responsable do Centro Coreográfico, Mercedes Suárez, asumiu a dirección deste espectáculo, con coreografías de Iker Gómez e Kenneth Tindall. Co obxectivo de continuar a difundir a danza entre o gran público, nesta ocasión proponse unha recreación da popular obra de Vivaldi para establecer un paralelismo coa paisaxe galega a través das coreografías deseñadas e das imaxes que se proxectan no escenario.
Elenco
As bailarinas Ailén Ramos, Inés Vieites, Elena Roses e Raquel Santacruz, e os bailaríns Juan Miguel Hernández, Víctor Molina, Pastor R. Feal e Pablo Aradillas conforman o elenco seleccionado a través dunha convocatoria pública de audicións. O corpo de baile preparou este espectáculo xunto aos creadores das catro coreografías que o integran: o director e videocreador vasco Iker Gómez, colaborador habitual no programa formativo do CCG e titular da súa propia compañía de danza; e mais o británico Kenneth Tindall, un dos valores emerxentes na creación coreográfica internacional, como demostra a súa recente designación nos Dance Awards Critics Circle.
Gómez asina as variacións de ‘Primavera’ e ‘Inverno’, en tanto que Tindall asumiu as de ‘Verán’ e ‘Outono’. Outros membros do equipo artístico son Christelle Horna como repetidora, Alberto Casas no deseño de luces, Antonio Cid no vídeo e Manuel Lemos no deseño e fotografía. Tanto o son do espectáculo como a produción e a realización do vestiario foron levadas a cabo polo persoal propio do Centro Coreográfico Galego.
Estreado o pasado mes de setembro en Vigo, tras a súa representación en Ourense, 'As catro estacións' continuará a súa viaxe por diferentes escenarios galegos: O Barco de Valdeorras (25 de novembro), Pontevedra (26 de novembro) e Santiago de Compostela (do 1 ao 3 de decembro).
Venda de entradas
As entradas para asistir á función deste sábado no Auditorio Municipal de Ourense poden adquirirse na billeteira electrónica de Ataquilla, así como no despacho de billetes deste espazo nos seus horarios habituais.