Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A PEZA ACHEGA UNHA VISIÓN DAS ARTES PLÁSTICAS NUN XOGO DE FORMAS E CORES

ExperimentaDanza estrea "Arte a escena", primeira coprodución do CCG

[18/05/2007] A compañía coruñesa ExperimentaDanza estrea mañá no Salón Teatro de Santiago Arte a escena , unha proposta coreográfica para todos os públicos que ve a luz como primeiro espectáculo que se realiza en réxime de coprodución co Centro Coreográfico Galego (CCG), da Consellaría de Cultura e Deporte. A peza, un xogo escénico que utiliza as formas e as cores primarias para achegar unha visión das artes plásticas a través da danza, representarase no espazo compostelán mañá sábado ás 20:30 horas e o domingo ás 18:00 horas.

Imaxe do espectáculo

Arte a escena, con dirección coreográfica de Carlota Pérez e asistencia de Armando Martén, está creada e interpretada pola propia Carlota Pérez, Danae de la Vega e José Luis López Sacha. Interviñeron tamén no proceso de xénese do espectáculo Santiago Prego, na dirección teatral; Oswaldo García, na imaxe audiovisual; Tito Barbeito, na música; Branda, na escenografía; Antón Arias, na iluminación; ExperimentaDanza, no vestiario e Álex Piñeiro no deseño gráfico e fotografía. Os seus 50 minutos de duración desenvólvense nun espazo baleiro, branco, no que tres personaxes xogan coas formas e coas cores azul, vermello e amarelo a través das obras de arte e dos distintos estilos artísticos, como o cubismo, o futurismo ou o surrealismo. A idea final é comunicar a capacidade da arte de saír a escena para construír a realidade e a danza de cadaquén.

As localidades para asistir ao espectáculo poden adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada función. Ao prezo único de 10 euros aplicaranse os descontos habituais.

ExperimentaDanza naceu en 2002 na Coruña co obxectivo de promocionar unha linguaxe corporal actualizada e contar historias cotiás por medio da danza contemporánea. Entre os seus anteriores traballos coreográficos destacan A escondidas, Nuestros sueños en un baúl, Mínimas dosis de danza, No me toques el secreto e Meltemi, creación esta última polo que a compañía recibiu o segundo premio no II Certame de Creación Coreográfica do IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais).