[16/06/2016] O Grupo de Teatro Down Compostela estrea esta fin de semana no Salón Teatro de Santiago a montaxe ‘Búscame a ese tipo’, escrita e dirixida por Lucas Herrador. A compañía, integrada por 20 actores e actrices con síndrome de Down e discapacidade intelectual, volve así ao escenario que tamén acolleu os seus anteriores espectáculos, con dúas funcións que terán lugar mañá venres e o sábado 18 ás 20.00 horas.
Lucas Herrador, autor e director da peza, presenta nesta ocasión unha obra inspirada no xénero das novelas e do cine negro, para compoñer un retrato social do mundo policial a través de personaxes cun alto sentido da xustiza.
A entrada será libre, previa retirada das localidades na billeteira do Salón Teatro, que estará aberta os días das funcións a partir das 18.00 horas.
Ademais do traballo de distintos voluntarios nas tarefas de montaxe, a compañía contou nesta ocasión coa colaboración do pintor compostelán Rafael Romero Masiá, quen asina o cartel do espectáculo.
‘Búscame a ese tipo’ é a oitava obra que representa o Grupo de Teatro Down Compostela, despois da posta en escena de ‘Solo ante la Peligros’ (2015), ‘Las pruebas de Hércules’ (2014), ‘Bodas de sangre’ (2013), ‘Fuenteovejuna’ (2012), ‘Romeo y Julieta’ (2011), ‘Esopo y sus fábulas’ (2010) e ’Alicia en el país de las maravillas’ (2009).
Tralas representacións de ‘Búscame a ese tipo’, o escenario do Salón Teatro será ocupado o vindeiro 21 de xuño por GN Teatro con ‘Cabaret Salomé’, e o día 22 pola Aula de Teatro Universitario de Santiago, que porá en escena ‘Cinzas’. Estas dúas producións serán as últimas en se exhibir no espazo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria na presente temporada escénica 2015-2016.