Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O CDG ORGANIZA UN PROGRAMA DE VISITAS GUIADAS EN SEIS QUENDAS AO LONGO DO MARTES 17 DE MAIO

Celebramos o Día das Letras cunha xornada de portas abertas no Salón Teatro

[12/05/2016] A sede do Centro Dramático Galego (CDG) no Salón Teatro de Santiago acollerá o vindeiro martes 17 de maio unha xornada especial de portas abertas co gallo da conmemoración do Día das Letras Galegas, que este ano se lle dedica a Manuel María. Con tal motivo, a carteleira do edificio lucirá ademais unha cita do escritor chairego, xunto coa información práctica da actividade.

Salón Teatro

A compañía da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organizará visitas guiadas para un máximo de 10 persoas en diferentes quendas (ás 11.00, 12.00, 13.00, 17.00, 18.00 e 19.00 horas), a través das que se lle ofrece aos espectadores a posibilidade de coñecer as entrañas e o funcionamento técnico do teatro compostelán que alberga o CDG. Esta actividade, axeitada para todos os públicos, é gratuíta previa inscrición a través do correo electrónico centro.dramatico.galego@xunta.es ou do teléfono 981 581 111 (de luns a venres, de 9.00 a 14.00 h).

Descubrindo o funcionamento técnico
Durante este percorrido polas instalacións do Salón Teatro -situado no número 34 da Rúa Nova, en plena zona histórica compostelá-, explicaráselles aos participantes as orixes deste edificio, que comezou a súa traxectoria como sala de eventos en 1920. Poderán coñecer, así mesmo, como funciona tecnicamente un teatro, descubrindo por exemplo que é e para que serve un dimmer, paseando polos camerinos etc.

Con tal fin, aproveitarase unha xornada laboral do equipo técnico do Centro Dramático Galego (tremoias, técnicos de luz e de son, produción...), que ese día estará realizando a montaxe no escenario do espectáculo ‘O mundo persistente’, a nova proposta do ‘Proxecto NÓS Territorio (es)Cénico Portugal Galicia’, que se estreará en Santiago o mércores 1 de xuño. O dramaturgo galego Fernando Epelde é o autor do texto que dirixe para as táboas o tamén galego Tito Asorey no marco desta rede de intercambio teatral co país veciño na que a Consellería de Cultura e Educación participa a través do CDG e da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia. Pola banda portuguesa, están implicadas as escolas superiores de Teatro e Cinema (ESTC) de Lisboa e de Música, Artes e Espectáculo (ESMAE) do Porto, así como os os teatros nacionais D. Maria II e São João.

Tras cada unha das visitas sortearase entre os participantes un lote dos libros que recollen as obras gañadoras do Premio Manuel María de literatura dramática infantil, que a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) convoca desde o ano 2006. Nestes momentos e ata o vindeiro 31 de maio permanece aberto o prazo de presentación de orixinais para a novena edición deste galardón, así como para o XXIII Álvaro Cunqueiro para textos teatrais e o XII Barriga Verde de textos para teatro de monicreques nas súas modalidades de obras para rapaces e para adultos.