Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O LUNS 9 DE MAIO, ÁS 21.00 HORAS

O cantautor ourensán Emilio Rúa presenta en concerto no Salón Teatro os temas de 'Querida alegría', o seu novo disco

[07/05/2016] O cantautor ourensán Emilio Rúa actuará o vindeiro luns día 9, ás 21.00 horas, no Salón Teatro de Santiago para presentar en directo o seu último álbum, ‘Querida alegría’, no que se mesturan temas inéditos con adaptacións de cancións incluídas noutros dos seus traballos discográficos, así como revisións de composicións populares.

Emilio Rúa Querida Alegría

Este concerto en formato acústico forma parte da xira que Emilio Rúa está a desenvolver con motivo da publicación do seu sexto disco, financiado co apoio dunha campaña de micromecenado. Para a súa gravación contou con destacadas colaboracións, como a das cantareiras e pandereteitras de Xestreu, o humorista Carlos Blanco, o guitarrista Daniel Minimalia e o músico vasco Kepa Junquera.

Con trinta anos de traxectoria, Emilio Rúa introduciuse no mundo da música aos sete anos de idade como parte da orquestra familiar Concorde Atenea formada polo seu pai e os seus catro irmáns maiores. Foi no ano 2000 cando publicou o seu primeiro traballo discográfico homónimo con temas inéditos (Edicións do Cumio, 2000). Logo chegarían ‘Vida Miña’ (Boamusic, 2006) e ‘Interior’ (Paimúsica, 2009), ao que engadiría un libro-disco co escritor e poeta Xosé Carlos Caneiro (Galaxia, 2010).

En 2012 autoedita e produce, xunto a Segundo Grandío, o seu quinto álbum, que leva por título ‘Destino Sur’. Sen perder o seu estilo persoal, as cancións propias e as versións reunidas neste disco camiñan cara a un son próximo ao folk americano que, baixo o prisma desta cantautor ourensán, establece unha ligazón coa música galega.

En galeg
Entre os recoñecemento recibidos ao longo da súa carreira, destacan os premios de ámbito estatal que obtivo cantando en galego na Muestra Internacional de la Canción de Autor ‘Cantigas de Mayo’ de Ceutí (Murcia) en 2004 e o Certamen de Jóvenes Cantautores de Elxe en 2006.

As entradas para o seu concerto deste luns no Salón Teatro están xa á venda a través da web entradas.abanca.com e tamén poderán adquirirse na billeteira do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo da actuación.

Ligazóns