Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A DIRECTORA DO CDG, FEFA NOIA, FÍXOLLE ENTREGA DO GALARDÓN

Avelina Pérez gaña o III Premio 'Pegada' de Teatro Radiofónico, organizado pola ESAD coa colaboración da Agadic

[27/04/2016] A autora Avelina Pérez, co texto ‘Eu controlo’, é a gañadora da terceira edición do Premio ‘Pegada’ de Teatro Radiofónico, organizado pola Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). A directora do Centro Dramático Galego, Fefa Noia, fíxolle entrega hoxe do galardón no transcurso da xornada de actividades durante a que a ESAD está a celebrar os días mundiais do teatro e a danza.

Fefa Noia e Avelina Pérez

O actor Antonio Durán ‘Morris’ foi o encargado de abrir esta programación especial coa lectura do manifesto do Día do Teatro, tras a que se deu a coñecer o nome da gañadora deste terceiro Premio ‘Pegada’ e tivo lugar a lectura dramatizada do texto galardoado.

Dramaturga, directora e actriz moi vinculada ao teatro social, Avelina Pérez foi tamén gañadora ex aequo (xunto a Clara Gayo) da última edición do Premio ‘Diario Cultural’ de Teatro Radiofónico coa súa obra ‘Non teño espello no baño’. Na actualidade cursa estudos de Dramaturxia e Dirección na ESAD.

Gravación e emisión da obra galardoada
A Agadic contribúe á organización do Premio ‘Pegada’, que ten como obxectivo promover a creación dramática en galego e a recuperación do formato de radio-teatro en Galicia, mediante a entrega como dotación dun cento de libros de creación e investigación teatral pertencentes ao seu fondo bibliográfico. O galardón contempla, así mesmo, a gravación e emisión do texto por Radio Redondela que, xunto ao IES Audiovisual de Vigo, colabora tamén nesta convocatoria da ESAD.

Esta xornada de celebración na ESAD estenderase ata finais desta tarde con escenificacións a cargo dos estudantes do centro, charlas de formación complementaria e interpretacións musicais en colaboración co alumnado do Conservatorio Superior de Vigo.

Ligazóns