Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

CARLOS ÁLVAREZ-OSSORIO ADAPTA E DIRIXE UN TEXTO DE NEIL LABUTE

A comedia negra 'A forma das cousas' represéntase esta fin de semana con dúas funcións no Salón Teatro

[14/04/2016] ‘A forma das cousas’, a primeira comedia teatral da produtora La Yogurtera SL, con dirección e adaptación de Carlos Álvarez-Ossorio sobre o texto do estadounidense Neil Labute, chega ao Salón Teatro de Santiago esta fin de semana con dúas funcións: o sábado, 16 de abril, ás 20.30 horas e o domingo, ás 18.00 horas.

Fefa Noia, co equipo de 'A forma das cousas'

A montaxe, que contou cunha subvención á produción escénica da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria é unha comedia negra que pescuda ao redor dos límites do amor, da arte contemporánea e das aparencias. ‘A forma das cousas’ desenvolve unha trama ao redor de catro personaxes que se ven envoltos nunha serie de accións nas que a manipulación afecta as relacións interpersoais, a amizade e mesmo a evolución humana.

O Salón Teatro acolleu esta mañá a presentación do espectáculo, na que participaron Fefa Noia, directora do Centro Dramático Galego, a produtora Marta Horjales e o elenco completo: Sara Casasnovas, Borja Fernández, Victoria Pérez e Machi Salgado.

O equipo artístico que sobe ao escenario complétase co pianista e compositor Pablo Seoane, un auténtico referente no panorama musical galego, que interpreta a música en directo en cada representación. Tamén destaca o labor do escenógrafo Suso Montero, con longa e premiada traxectoria en teatro, cine e televisión.

Humor afiado
Trátase dunha obra que interpela directamente o público ao reflectir circunstancias habituais da vida e que formula preguntas que máis tarde ou máis cedo todos debemos responder sobre o amor, a vida e a evolución persoal. Dese xeito, a montaxe reflicte a través dun humor afiado e cheo de ironía unha sociedade na que as aparencias superan calquera outra consideración e na que a proxección do que desexaríamos ser, por riba do que somos, é unha constante para todos.

O texto céntrase na parella formada por Evelyn (interpretada por Sara Casasnovas) e Adán (Borja Fernández). Ela é unha iconoclasta e excéntrica estudante de arte entregada por completo á preparación da súa tese de doutoramento. Evelyn entra na vida monótona de Adán, un mozo inseguro e sen sorte no amor. El, que xamais se preocupara pola súa imaxe, está disposto a cambiar a súa vida enteira só por ser aceptado pola rapaza. E todo diante dos ollos perplexos dos amigos de Adán: Fili (Machi Salgado) e Jenny (Victoria Pérez). Ese é o comezo do xogo, das aparencias e das influencias dos uns sobre os outros.

Elenco destacado
‘A forma das cousas’ reúne deste xeito un elenco formado por intérpretes que, nos últimos anos, destacaron por unha traxectoria ascendente e pola súa participación en proxectos escénicos de gran repercusión. Sara Casasnovas, unha das actrices máis coñecidas no audiovisual -tanto en Galicia coma no Estado-, regresa aos teatros galegos neste 2016. Borja Fernández colabora con formacións creativas como Chévere ou Voadora. Victoria Pérez traballou nas principais series de televisión de Galicia e coas compañías de maior traxectoria, ademais de fomentar a súa faceta de creación coa fundación do grupo escénico Pérez&Fernández. E por último, Machi Salgado é un actor coñecido pola súa traxectoria en diversas series e en distintas compañías. Recibiu o premio María Casares ao mellor actor en 2015.

Carlos Álvarez-Ossorio encárgase da dirección e da dramaturxia desta obra de Neil LaBute, un dos autores máis prestixiosos da escena americana e considerado o herdeiro natural de David Mamet. Álvarez-Ossorio fundou a súa compañía, Cámara Negra, en 1996 e con ela ten gañado importantes galardóns, como o Premio José Luis Alonso da ADE (Asociación de Directores de Escena de España) en 2006 ou o Premio Telón Chivas 2004.

As localidades para asistir a ‘A forma das cousas’ no Salón Teatro están xa á venda na billeteira electrónica entradas.abanca.com; e os días de función estarán dispoñibles na billeteira do Salón Teatro desde dúas horas antes de cada pase.

Documentación