Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

ESTREARASE O 1 DE XUÑO NO SALÓN TEATRO DE SANTIAGO

Comezan no Porto os ensaios de 'O mundo persistente', espectáculo dirixido polo galego Tito Asorey dentro do Proxecto Nós

[05/04/2016] O espectáculo ‘O mundo persistente’, que estes días comeza o seu primeiro período de ensaios no Porto, é a nova proposta xurdida ao abeiro do ‘Proxecto NÓS Territorio (es)Cénico Portugal Galicia’, rede de intercambio teatral co país veciño na que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participa a través do Centro Dramático Galego (CDG) e a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia.

O mundo persistente cartel

O galego Tito Asorey, de IlMaquinario Teatro, asume a dirección desta montaxe a partir dunha obra escrita polo tamén galego Fernando Epelde, para a que conta cun equipo integrado por novos artistas e técnicos de ambos os países. Nel, a representación galega está integrada por Tamara Urbano e Germán Álvarez como parte do elenco interpretativo, José Manuel Faro na iluminación e Javier Lojo como axudante de dirección.

Escolas e centros de produción
Se a produción en 2015 de ‘Bilingue/Bilingüe’ -espectáculo inaugural desta iniciativa- estivo coordinada desde Portugal, desta volta é o Centro Dramático Galego o que lidera a posta en marcha deste segundo título do Proxecto Nós. Pola banda portuguesa, están implicadas as escolas superiores de Teatro e Cinema (ESTC) de Lisboa e de Música, Artes e Espectáculo (ESMAE) do Porto, así como os os teatros nacionais D. Maria II e São João.

Precisamente unha das sedes do São João no Porto, o Teatro Carlos Alberto (TeCA), acolle durante todo este mes de abril a primeira fase dos ensaios de ‘O mundo persistente’, que en maio se trasladarán á ESAD de Vigo para rematar o seu período de produción no Salón Teatro de Santiago, onde a estrea terá lugar o 1 de xuño.

Relacións virtuais
‘O mundo persistente’ é un termo empregado no ámbito dos videoxogos para nomear os universos virtuais que sobreviven en ausencia do xogador. De aí que este sexa o título escollido por Fernando Epelde para abordar a vida duns mozos que adoitan falar sempre a través das pantallas, sen compartir espazos físicos, e para os que ese mundo virtual supón a única alternativa interesante a unha realidade obsoleta e superada.

O obxectivo do ‘Proxecto NÓS Territorio (es)Cénico Portugal Galicia’ é desenvolver unha rede de circulación de artistas novos -formados nas tres escolas participantes- nun contorno de traballo profesional, que incida, ao tempo, no impulso das relacións entre as escenas de Galicia e Portugal, ámbito de traballo que a Consellería de Cultura e Educación leva a cabo a través do Centro Dramático Galego.