Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

ESTE DOMINGO 3, ÁS 19.00 HORAS

La Macana chega ao Salón Teatro co espectáculo de danza 'Invisible Wires', coproducido pola Agadic

[01/04/2016] A danza ocupará este domingo, ás 19.00 horas, o escenario do Salón Teatro de Santiago con ‘Invisible Wires’, proposta da compañía galega La Macana que conta coa participación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) como entidade coprodutora. A sede do Centro Dramático Galego (CDG) é un dos espazos incluídos na xira galega deste espectáculo internacional que, tras a súa estrea o pasado 11 de marzo no Tanzhaus de Düsseldorf (Alemaña), se representa hoxe no Teatro Rosalía Castro da Coruña e mañá sábado, no Pazo da Cultura de Carballo.

Invisible Wires

Con sete anos de vida, La Macana posúe unha ampla traxectoria fóra de Galicia, xa que os seus traballos puideron verse en máis de vinte países. ‘Invisible Wires’ sitúase neste marco de desenvolvemento internacional da compañía, que colabora nesta ocasión con Julio César Iglesias Ungo (coreógrafo cubano afincado en Alemaña) e co compositor belga Niko Kafkenscheid para a música orixinal que é interpretada en directo.

Trátase dunha peza para seis bailaríns (Alexis Fernández, Tanja Marin Friojónsdóttir, Niko Hafkenscheid, Janis Heldmann, Jacob Ingram-Dodd e Dymitry Szypura), na que o deseño de iluminación está asinado polo galego Afonso Castro, quen acaba de obter o premio María Casares de Teatro á mellor iluminación polo seu traballo na produción do CDG ‘Xardín suspenso’.

Colaboración internacional
Ademais do apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Agadic, o espectáculo conta coa colaboración de diferentes estruturas e espazos culturais alemáns como o Kunststiftung NRW, o Theater Pumpenhaus e o propio Tanzhaus NRW, ademais do centro de creación Graner de Barcelona e o Teatro Rosalía Castro da Coruña.

As entradas para asistir á representación de ‘Invisible Wires’ este domingo no Salón Teatro están xa á venda no web entradas.abanca.com e tamén poderán adquirirse no despacho de billetes deste espazo compostelán desde dúas horas antes do comezo da función.

Teatro, música e audiovisual
Esta será a terceira cita na sede do CDG prevista para este mes de abril, que arranca con dous concertos do ciclo Santiautor: Escuchando Elefantes, que actúa hoxe ás 22.00 horas, e Adriana Moragues & Elvira Sastre, mañá sábado á mesma hora.

A carteleira inclúe outras seis variadas propostas, entre as que hai teatro, música e audiovisual para diferentes tipos de público. Así, o mércores 6 Teatro do Iceberg representará o espectáculo ‘Ljósio y otras canciones’, unha creación de Roberto Salgueiro como resultado dun proxecto da asociación LAR Pro Saúde Mental. O seu obxectivo é contribuír á concienciación social contra o estigma que persiste arredor das enfermidades mentais.

O venres 8 será a quenda do audiovisual coa estrea da película para televisión ‘D.E.P. Unha comedia de morte’, do director Román Gutiérrez da Silva. Pepe Antón Gómez e Jordi Sánchez son os guionistas desta fita interpretada por Xoque Carbajal, Jouse García, Paku Granxa e Piedi Varufakis.

A música regresará ao Salón Teatro o domingo 10, desta volta cun espectáculo de Pirilampo pensado para o público infantil e familiar. O grupo presentará en director o seu disco ‘Teatro de guiñol’, que lles achega aos máis cativos os poemas de Manuel María, autor homenaxeado o Día das Letras Galegas 2016.

Producións galegas
O teatro galego protagonizará a recta final da programación de abril da man de Talía Teatro, La Yogurtera e a Mostra de Teatro Universitario de Galicia. Así, ‘Pelos na lingua’, o espectáculo-collage de Talía sobre a situación actual do idioma galego, regresará ao Salón Teatro o martes 12 para ofrecer dúas funcións matinais concertadas con centros escolares.

Pola súa banda, La Yogurtera estará en Santiago o sábado 16 e o domingo 17 coa comedia ‘A forma das cousas’, debut teatral desta produtora galega. Carlos Álvarez-Ossorio dirixe a obra do estadounidense Neil LaBute, que interpretan Sara Casasnovas, Borja Fernández, Victoria Pérez e Machi Salgado. Compartindo escenario con eles, o pianista Pablo Seoane toca en directo a música composta por el para a montaxe.

A carteleira mensual chegará á súa fin cunha nova edición da Mostra de Teatro Universitario de Galicia que, organizada pola Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela, terá lugar do 21 de abril ao 1 de maio.

Fotografía: Katja Illner

Ligazóns