Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A PEZA QUE DIRIXE CARLOTA PÉREZ ESTRÉASE O 19 DE MAIO NO SALÓN TEATRO

ExperimentaDanza con "Arte a escena" inaugura o plan de coproducións do CCG

[14/05/2007] O Centro Coreográfico Galego (CCG), unidade de produción artística do IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais), da Consellaría de Cultura e Deporte, inaugura o seu plan de coproducións co espectáculo Arte a escena da compañía galega ExperimentaDanza, unha proposta coreográfica para todos os públicos que se estrea o vindeiro sábado 19 de maio no Salón Teatro de Santiago de Compostela. A peza marca o fito de ser a primeira do ámbito da danza en Galiza que se realiza en réxime de coprodución pública, o que supón a apertura dunha nova vía de cooperación cos creadores desta disciplina artística.

Imaxe "Arteaesena"

Para o CCG, a iniciativa supón un importante banzo adiante que complementa o seu proxecto de apoio integral á danza e que se suma ás axudas á actividade escénica que cada ano convoca o IGAEM. Trala exitosa experiencia de Vacuo como produción propia, o centro que coordina Natalia Balseiro comeza deste xeito o seu labor de apoio particularizado a proxectos concretos presentados polas compañías privadas galegas, mediante unha completa colaboración que se mantén en todo proceso de montaxe do espectáculos e que se materializa mediante distintos modelos de achega de recursos por parte da Administración, diferenciados segundo as características e demandas de cada compañía e cada espectáculo.

O plan de coprodución do CCG irase desenvolvendo cunha media de dous espectáculos para cada temporada escénica. Na actual 2006-2007, Pisando Ovos será a segunda compañía que se sumará a este sistema, coa estrea en xuño tamén en Santiago, da peza titulada 30.000.

ASESORAMENTO CONTINUO

No caso de ExperimentaDanza, durante os tres meses que durou a preparación do espectáculo, a compañía disfrutou de distintos locais de ensaio coas dotacións necesarias adecuadas a cada momento da produción (A Fábrica de Oleiros, Teatro Galán, Salón Teatro), ademais dun labor continuo de asesoramento sobre a planificación xeral e a posibilidade de participar en actividades de formación proveitosas para o desenvolvemento do seu proxecto.

En Arte a escena, con dirección coreográfica de Carlota Pérez e asistencia de Armando Martén, ofrécese unha peza creada e interpretada pola propia Carlota Pérez, Danae de la Vega e José Luis López Sacha, orientada a público familiar (nenos a partir de 6 anos). Interviñeron tamén no proceso de xénese do espectáculo Santiago Prego, na dirección teatral; Oswaldo García, na imaxe audiovisual; Tito Barbeito, na música; Branda, na escenografía; Antón Arias, na iluminación; ExperimentaDanza, no vestiario e Álex Piñeiro no deseño gráfico e fotografía.

Os seus 50 minutos de duración desenvólvense nun espazo baleiro, branco, no que tres personaxes xogan coas formas e coas cores a través das obras de arte e dos distintos estilos artísticos. A idea é comunicar a capacidade da arte de saír a escena para construir a realidade e a danza de cadaquén. A obra escenificarase os días 19 (20:30 horas) e 20 (18:00 horas) de maio en Santiago como parte da programación do Salón Teatro, para emprender despois unha serie de actuacións por distintos escenarios galegos.

ExperimentaDanza naceu en 2002 na Coruña co obxectivo de promocionar unha linguaxe corporal actualizada e contar historias cotiás por medio da danza contemporánea. Ao seu primeiro espectáculo, A escondidas, distinguido co primeiro premio no Festival de Novos Creadores de Povoa de Varzim (Portugal), sucederon os títulos Nuestros sueños en un baúl, Mínimas dosis de danza, No me toques el secreto e Meltemi, traballo este último polo que a compañía recibiu o segundo premio no II Certame de Creación Coreográfica do IGAEM. Nestes anos, ExperimentaDanza vén compatibilizando a exhibición das súas creacións coreográficas dentro e fóra de Galiza co funcionamento na Coruña da escola Experimentacultura.