Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

REPRESÉNTASE NO SALÓN TEATRO ESTE VENRES 26 E O SÁBADO 27, Ás 20.30 H, E O DOMINGO 28, ÁS 18.00 H

A nova compañía Lucecús Teatro preséntase diante do público compostelán co seu espectáculo de debut, 'A órbita do lucecú'

[24/02/2016] Lucecús Teatro é o nome dunha nova compañía profesional con sede en Lugo, que esta fin de semana se presentará diante do público compostelán no Salón Teatro con ‘A órbita do lucecú’, o seu espectáculo de debut. A montaxe, para a que o grupo contou coa dirección escénica de Marián Bañobre e Santiago Cortegoso (Ibuprofeno Teatro), poderá verse na sede do Centro Dramático Galego (CDG) este venres 26 e o sábado 27, ás 20.30 horas, e o domingo 28, ás 18.00 horas.

Lucecús Teatro coa directora do CDG, Fefa Noia

Os actores Anxo Manoel, Isa Herrero e Rubén Pérez integran Lucecús, que iniciou a súa andaina profesional o pasado mes de setembro apostando decididamente pola dramaturxia propia en galego. Así, o primeiro espectáculo da compañía é unha creación colectiva dos seus tres compoñentes baixo a coordinación do dramaturgo e director Santiago Cortegoso.

Sinopse
Estreada na pasada edición do Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), a súa proposta xira arredor de tres compañeiros de piso que, á súa vez, orbitan compartindo espazo e soidade. A enerxía que conteñen no seu interior marcará os destinos destes personaxes, a partir dos que se indaga nas relacións humanas propoñéndolles aos espectadores unha curiosa e divertida viaxe na que conflúen o planeta Marte, o científico serbio Nikola Tesla e os lucecús.

Coa creación de Lucecús Teatro, Anxo Manoel, Isa Herrero e Rubén Pérez decidiron dar un paso adiante cara á profesionalización nas artes escénicas despois de moitos anos de traballo en diferentes colectivos teatrais de Lugo como Achádego, Palimoco ou Microefectos Dramatúrxicos. O seu obxectivo é conseguir asentarse no panorama teatral galego, converténdose nun foco cultural tanto para a súa cidade como para o resto de Galicia. Con tal fin, teñen previsto diversificar o seu traballo para ofrecer actividades pedagóxicas e outro tipo de proxectos culturais a través dos que contribuír á creación de públicos e de novas estruturas para o noso teatro.

Venda de entradas
As entradas para asistir a ‘A órbita do lucecús’ están xa á venda a través da billeteira electrónica entradas.abanca.com e tamén se poderán mercar a partir do venres na billeteira do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo das funcións. O prezo é de 10 euros para o venres e sábado (cos descontos habituais) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.

Na imaxe, Rubén Pérez e Anxo Manoel xunto á directora do Centro Dramático Galego, Fefa Noia, á que lle avanzaron o plan de traballo e principais obxectivos da súa nova compañía.

Ligazóns