Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

ARETA BOLADO, NOELIA CASTRO E AILÉN KENDELMAN INTERPRETAN AS DÚAS MONTAXES

A compañía A Panadaría ocupa esta semana o Salón Teatro cos espectáculos 'Pan! Pan!' e 'Panamericana'

[16/02/2016] O Salón Teatro de Santiago recibe esta semana a compañía A Panadaría coa programación dos dous espectáculos realizados ata agora polo trío escénico que integran as actrices galegas Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman. Así, a partir de mañá mércores e ata o venres, ás 20.30 horas, porase en escena ‘Pan! Pan!’, en tanto que o sábado (20.30 h) e o domingo (18.00 h) representarase ‘Panamericana’.

Imaxe de 'Pan! Pan!'

O público poderá achegarse deste xeito ao traballo desta nova compañía a través das producións que contan na súa breve aínda que recoñecida traxectoria sobre os escenarios; e de gozar dun estilo persoal que pasa pola creación colectiva, pola utilización do humor nun primeiro plano, pola interpretación de múltiples personaxes e pola inclusión de números musicais en directo.

De feito, ‘Pan! Pan!’ é unha parodia con música vocal en directo sobre os ‘westerns’ americanos. Conta a historia de Harry, un ‘cowboy’ que viaxa de Mississippi a Arkansas perseguindo un indio salvaxe que lle roubou a súa muller, da que está profundamente namorado. Na posta en escena, as tres intérpretes constrúen oito personaxes, cinco espazos e toda a música do espectáculo, axudadas só por unha bandeira dos EE.UU. A comedia fai unha caricatura dese mundo sen lei dos ranchos vaqueiros, das fedorentas cantinas e dos desertos cheos de perigos. Como nunha película do ‘Far West’, en ‘Pan! Pan!’ hai whisky, balas e country. E amor e vinganza a partes iguais.

Este espectáculo recibiu o Premio da Crítica Galicia 2015, así como o primeiro premio Xuventude Crea 2013. Tamén Areta Bolado obtivo o Premio María Casares 2015 á Mellor Actriz Secundaria.

Guiso tropical
Segundo a define a compañía, ‘Panamericana’ é unha comedia con sabor a guiso tropical, un musical no que tres actrices interpretan 24 personaxes. Entre eles, Miranda Celia del Río, unha artista de éxito no seu país, Panamérica, que a presión da fama fai que fuxa na procura dunha vida mellor. A súa escapada remata na Provincia, unha vila na que se terá que enfrontar ao seu labiríntico e absurdo aparello burocrático, sanitario e financeiro.

Con esta montaxe, A Panadaría fainos pensar se este mundo é como é ou como nós o percibimos. ‘Panamericana’ fala dun sistema perverso e dos soños rotos dende unha óptica optimista e divertida.

Ademais destes dous espectáculos, A Panadería estivo tamén onte no escenario do Salón Teatro para abrir o acto de presentación da convocatoria dos III Premios Martín Códax da Música con ‘Acuófono’, unha pequena acción escénico-musical realizada con botellas e rollas de viño.

As entradas para asistir a ‘Pan! Pan!’ e a ‘Panamericana’ están xa á venda a través da billeteira electrónica entradas.abanca.com e tamén se poderán mercar a partir de mañá na billeteira do Salón Teatro desde dúas horas antes do comenzo das funcións. O prezo é de 10 euros de mércores a domingo (cos descontos habituais) e de 5 euros para o domingo, Día do Espectador.

Ligazóns