Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

ÁS 20.30 HORAS NO SALÓN TEATRO

A Escola da Noite de Coimbra presenta mañá en Santiago 'A canoa', versión portuguesa da obra de Cándido Pazó 'A piragua'

[27/01/2016] O Salón Teatro de Santiago recibe mañá xoves a compañía lusa A Escola da Noite, de Coimbra, para a presentación en Galicia do seu espectáculo ‘A canoa’, versión portuguesa da obra de Cándido Pazo ‘A piragua’ que o Centro Dramático Galego (CDG) estreara en 2007. O autor galego é tamén o director desta montaxe, que se representa ás 20.30 horas.

A Canoa

Catro meses despois da súa estrea en Portugal, o espectáculo regresa aos escenarios para ofrecer esta función en Compostela, á que seguirán dúas sesións especiais esta fin de semana en Coimbra.

A obra foi escrita orixinalmente para ser producida polo CDG e posteriormente foi representada tamén por Abrapalabra Creacións Escénicas, a compañía do propio Pazó. ‘A canoa’ pon o foco sobre a lacra da violencia doméstica dun xeito directo, chamando a atención sobre como a sociedade aborda este drama a partir do conxunto de normas, máis ou menos explícitas, en que todos nos movemos.

Sinopse
Partindo dun episodio absurdo sucedido na reunión dunha comunidade veciñal, na que un home se queixa de que un dos veciños garde unha piragua no garaxe, a historia comeza a ser contada en escena por dous actores que preparan un novo espectáculo. A través das súas memorias e dos ensaios que levan a cabo diante do público, os espectadores irán descubrindo os pormenores dunha situación da que os actores foron testemuñas no mesmo predio no que ensaian a diario.

Cándido Pazó asina, xunto a Sofia Lobo, a tradución ao portugués da peza, que en Santiago interpretarán Igor Lebreaud, Isabel Leitão, Maria João Robalo, Miguel Magalhães e Ricardo Kalash. No equipo figuran tamén os galegos Afonso Castro, no deseño de iluminación, e Manuel Riveiro Hermo, na composición musical. Ademais, João Mendes Ribeiro e Luisa Bebiano encargáronse da escenografía; Ana Rosa Assunção, dos figurinos e a imaxe gráfica; e Eduardo Pinto, do vídeo.

A posta en escena de ‘A canoa’ supón a culminación da relación artística entre Cándido Pazó e A Escola da Noite, compañía coa que o director, actor e dramaturgo vigués xa colaborara noutros proxectos. É, así mesmo, un importante paso adiante no camiño de diálogo e intercambio profesional que veñen desenvolvendo nos últimos tempos os sistemas teatrais galego e portugués.

As entradas para a función de ‘A canoa’ mañá xoves en Santiago poden adquirise por adiantado n web entradas.abanca.com ou na billeteira do Salón Teatro, que abre ao público desde dúas horas antes do comezo do espectáculo. O seu prezo é de 10 euros, sobre o que se aplica un desconto do 40 por cento para persoas en situación de desemprego, maiores de 65 anos, xubilados, titulares do carné xove, de estudante e determinados colectivos profesionais.

Ligazóns